O alcalde de Sada ve "intereses personalistas" na moción de censura e os edís do PSdeG enfróntanse á expulsión

Os impulsores da moción teñen maioría ao contar co apoio dos edís de Alternativa, que formaron no seu día o tripartito de Sada
O alcald de Sada, Benito Portela (Foto: Sadamaioría).
photo_camera O alcalde de Sada, Benito Portela (Foto: Sadamaioría).

As direccións do PP galego e do PSdeG manifestaron, a través de pronunciamentos de senllas cúpulas, que desautorizan a moción de censura presentada por PSOE, PP e Alternativa dúas Veciños para arrebatar o bastón de mando ao alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría). Os socialistas, ademais, avanzan medidas disciplinarias se os seus edís seguen adiante.

Os impulsores da moción teñen maioría ao contar co apoio dos edís de Alternativa, que formaron no seu día o tripartito de Sada xunto aos catro edís de Sadamaioría e os dous do BNG. En todo caso, nos últimos plenos, a portavoz de Alternativa dera por roto o pacto e apuntara a unha posíbel iniciativa censora debido ás discrepancias co rexedor.

O Bloque emitiu un comunicado no que exixe a PP, PSOE e Alternativa a desautorización da moción e que, "con carácter inmediato", os partidos implicados declaren tránsfugas os seus representantes, como "único modo verificábel de constatar a súa oposición" á iniciativa anunciada.

"Sorprendido" pola deriva de Alternativa, o BNG reivindícase como unha forza política "seria e rigorosa" e esgrime que, "pase o que pase", as súas concelleiras Laura Rodríguez e Sara Arroxo seguirán desenvolvendo as súas funcións de goberno "sen desatender nin un minuto as necesidades" do Concello.

"Con total modestia e humildade, no Bloque apostamos pola constancia e o esforzo no traballo político e social como o mellor modo de servir aos veciños de Sada, fóra de conspiracións de salón, que en nada benefician ás demandas reais da sociedade sadense", conclúen os nacionalistas.

Posíbel expulsión 

Pola súa parte, o PSdeG anunciou que desautoriza a moción e anunciou medidas disciplinarias contra os edís que a asinen.

"A dirección socialista descoñecía esta moción de censura, unha iniciativa que nin apoia nin aproba", traslada, nun comunicado.

Así mesmo, ratifica que se tomarán medidas disciplinarias contra os edís que subscriban a moción e que, se seguen adiante, serán expulsados do partido.

"Intereses personalistas"

"Actúan con intereses personalistas", manifestou o rexedor sadense, Benito Portela, ao tempo que engadiu que "Sada non merece unha operación que non ten máis obxectivo que lograr, a medio ano das próximas eleccións, unha alcaldía e o goberno municipal á marxe das canles democráticas".

Comentarios