A etapa de Feixoo, en imaxes (III): O programa de Feixoo para o medio rural

No verán de 2006 unha vaga de incendios asolou Galiza, con 80.000 hectáreas queimadas só no mes de agosto. A catástrofe evidenciou as debilidades do medio rural galego e puxo en cuestión os deseños aplicados polos Gobernos de Manuel Fraga. Alberto Núñez Feixoo non dubidou responder a catástrofe ambiental e económica mangueira en man.

 

Alberto Núñez Feixoo simulando apagar un lume no verán de 2006.(Foto:Nós Diario)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo simulando apagar un lume no verán de 2006.(Foto:Nós Diario)

O fenómeno incendiario de 2006 foi a expresión da política de abandono do medio rural galego e duns deseños forestais ao servizo dos grandes poderes económicos beneficiados polo monocultivo do eucalipto. Mentres a Xunta da Galiza se empeñaba en facer fronte ao lume, o entón xefe da oposición, Alberto Núñez Feixoo, desembarcaba en camisa, vaqueiros e zapatos náuticos para sacarse unha foto cunha mangueira de uso doméstico en Meis.

As conclusións extraídas por Núñez Feixoo das diversas vagas de incendios foi incidir nas políticas que provocaron os lumes. Así, 20% da superficie total da Galiza está ocupada por eucaliptos, superando de longo as plantacións as 245.000 hectáreas fixadas como máximo para 2023 no Plan Forestal Galego de 1992. Segundo os datos ofrecidos desde a plataforma 'Por un monte galego con futuro', “a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego, xa hai voces autorizadas alertando de que esta especie exótica invasora pode ocupar perto das 600.000 hectáreas na Galiza”.

102.000 habitantes menos en 10 anos

O abandono do medio rural está a vista. 4.000 núcleos de poboación atópanse actualmente abandonados no conxunto da Galiza, que perdeu nos últimos 10 anos 102.000 habitantes, a maior parte deles naqueles zonas de tradicional especialización agraria. Precisamente, nestas áreas asístese a unha progresiva redución de servizos públicos, fechándose durante a etapa de Feixoo á fronte da Xunta 110 escolas unitarias e recortándose de xeito moi considerábel a atención médica. Tanto é así que 192 concellos, todos eles parte da denominada Galiza rural, carecen de servizo de pediatría.

A superficie agraria útil (SAU) non deixou de diminuír nas últimas décadas. Así, a última enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), indica que a SAU da Galiza é inferior a 21%, fronte a 47% de media do Estado español e 40% dos territorios da Unión Europea. Ao tempo, tense reducido nas últimas tres décadas dun xeito moi considerábel, pasando de 748.000 hectáreas en 2002 a 621.000 en 2017, último ano do que existen rexistros oficiais.

A caída da actividade económica no rural pódese seguir en diversas esferas. Por exemplo, entre 2010 e 2020 fecharon 15.986 explotacións gandeiras na Galiza, ficando nesa última anualidade 29.282 explotacións fronte a 45.268 activas dez anos antes. Neste sentido, especialistas coinciden en afirmar que o proceso de reconversión deste sector aínda non esta remado, que está levando á concentración da produción láctea nunhas áreas moi determinadas da xeografía galega.

Comentarios