12.600 explotacións galegas de gando bovino contan cun número inferior a 10 cabezas

Galiza perde 16.000 explotacións gandeiras en 10 anos

A primeira década do Goberno de Alberto Núñez Feixoo deixou a Galiza con 15.986 explotacións gandeiras menos. Se en 2000 estaban en activo 45.268 explotacións, o numero ficaba reducido en 2020 a 29.282. Con todo, as persoas expertas cren que o proceso de reconversión do sector non está aínda rematado.

Explotación de gando bovino en réxime extensivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Explotación de gando bovino en réxime extensivo. (Foto: Nós Diario)

Os últimos datos sobre o número de explotacións gandeiras activas na Galiza refírense a 2020. Segundo sinala o Instituto Galego de Estatística (IGE) nesa anualidade dispúñase dun total de 29.282 cabezas de gando bovino, 3.295 das cales dedicábanse á ceba, 6.586 ao leite, 18.879 á carne, 461 ao leite e á carne e 79 á recría de xovencos.

O tamaño das explotacións dá unha medida máis exacta do conglomerado agrario e apunta que boa parte delas non son a actividade económica central do núcleo familiar. Así, o IGE expón que 12.613 explotacións contan con menos de 10 cabezas, 7.427 entre 10 e 29 cabezas, 7.073 entre 30 e 100 cabezas, 1.065 entre 100 e 199 cabezas, e 564 máis de 200 cabezas.

A situación era diferente en 2010, un ano despois da chegada de Alberto Núñez Feixoo ao Goberno galego. Nesa altura, mantíñanse activas na Galiza 45.268 explotacións de gando bovino, 5.753 das cales centrábanse na ceba, 12.759 no leite, 24.584 na carne, 461 no leite e na carne e 79 na recría de xovencos.

O proceso de concentración e centralización no complexo gandeiro chegou a uns niveis difíciles de sospeitar unhas décadas atrás. 220.000 hectáreas de superficie agraria útil, correspondentes co 8% do conxunto do territorio galego, xeran 40% da produción láctea de todo o Estado español.

O enxeñeiro agrícola e director xeral da Consellaría de Medio Rural durante o Goberno bipartito, Xosé Carballido, sinala a Nós Diario que "o concello de Lalín conta con 27.391 cabezas; A Pastoriza con 25.563, e Mazaricos con 24.318, liderando as respectivas provincias de Pontevedra, Lugo e Coruña. En Ourense corresponde a cabeceira a Montederramo, con 5.778 reses de carne e unha de leite mentres que en Ribadavia, Arnoia, Beade, Pontedeva ou Rubiá xa non queda ningunha vaca".

A tendencia á concentración

Carballido advirte dos riscos desta tendencia á concentración da actividade gandeira "mentres as producións de carne e leite de calidade ligadas á terra, que son o noso sinal de identidade, están a sufrir o desamparo institucional e están a vender en moitos casos por debaixo dos custos de produción".

O coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, resalta a Nós Diario "a preocupación pola perda de explotacións, un proceso moi negativo que implica a desvalorización do rural, a súa descapitalización e unha lóxica de concentración en unidades de produción cada día máis grandes".

"A concentración da produción en poucas mans e a diminución de explotacións, que por exemplo en todas comarcas ourensáns está sendo superior a 30%, é produto dunha opción política que se acentúa coa volta ao Goberno do PP", afirma Da Cal, que critica "as medidas para reverter as políticas introducidas no seu momento pola Consellaría de Medio Rural dirixida por Alfredo Suárez Canal".

"Isto é o resultado da aplicación das actuacións neoliberais polo PP", conclúe da Cal.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela Mar Pérez Fra consideraque o "proceso de axuste do complexo agrario aínda non está rematado" e apunta que "un modelo baseado na produción a prezos moi altos sen apostar por incrementar a base territorial das explotacións só é posíbel se os prezos están garantidos".

"A concentración da produción láctea en determinadas zonas está moi ligada ao papel da industria, até o punto de que hai determinadas explotacións que son viábeis economicamente pero pola negativa da industria a non recoller o leite están condenadas a fechar", destaca Pérez Frá a Nós Diario.

Comentarios