domingo 27/09/20
Análise

Principia a última lexislatura de Feixoo

A actual lexislatura será moi diferente a anterior. Un Feixoo en retirada, unha Ana Pontón traballando por confirmar o seu liderado na oposición e un Gonzalo Caballero pelexando por manterse ao fronte do PSOE. Ao tempo, unha grave situación de emerxencia sanitaria e económica marcando a axenda política.
Instalación de mamparas contra a Covid no Parlamento.
Instalación de mamparas contra a Covid no Parlamento.

A composición do Parlamento da Galiza pouco ten a ver coa pasada lexislatura. A saída da Cámara galega dos herdeiros políticos da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e de En Marea reduce a tres forzas o hemiciclo e pon remate a un período de  fragmentación iniciado á volta de 2012, nun contexto de implosión do sistema de partidos derivada dos primeiros sinais da crise de réxime. A suba electoral do Bloque Nacionalista  Galego (BNG) até converterse na primeira oposición, relegando ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), altera a correlación de forzas na oposición a Feixoo.

A situación interna das formacións políticas volve a marcar os vindeiros catro anos de vida parlamentaria. Malia que ninguén agarda unha repetición do acontecido na pasada lexislatura, con diversas escisións nas filas da oposición que van dar orixe a novos grupos na Cámara, populares, nacionalista e socialistas deben facer fronte a importantes retos nesta materia. Mentres os primeiros teñen por diante a anunciada sucesión de Feixoo, os segundos están obrigados a confirmar na práctica o seu liderado na oposición, correspondéndolles aos terceiros confirmar ou renovar o seu núcleo de dirección.

Un relevo para Núñez Feixoo

Alberto Núñez Feixoo anunciou en diversas comparecencias públicas ao longo da última campaña electoral a súa intención de non recuncar nos vindeiros comicios galegos. A falla de que este compromiso finalmente se confirme, a decisión do presidente galego obriga aos populares a tomar decisións neste sentido, convencidos que o seu próximo candidato debe saír do círculo do Goberno e o seu proceso de elección debe ser ordenado, para evitar o acontecido no momento do relevo de Manuel Fraga e mesmo durante o salto falido de Feixoo a Madrid. A composición futura do Executivo galego, moi particularmente  na segunda metade da lexislatura, vai estar marcada por esta circunstancia

Ana Pontón debe certificar o seu liderado na oposición. Se os resultados das pasadas eleccións galegas colocaron aos nacionalistas ao fronte da mesma, a práctica política vai confirmar ou non a súa xefatura. Unha vez que se dá por segura unha nova candidatura de Pontón á presidencia da Xunta da Galiza nos vindeiros comicios, a dirixente nacionalista ten catro anos por diante para fidelizar parte do voto acadado nos comicios de xullo, atraer novas fraccións do electorado e ser capaz de convencer aos galegos e galegas que hai unha alternativa mellor á representada pola dereita.

Gonzalo Caballero ten varias batallas por diante, a primeira e máis importante rematar a lexislatura como secretario xeral dos socialistas galegos. A súa intención é continuar á fronte do partido e xa se ten postulado para repetir a súa candidatura nos vindeiros comicios, cuestión na que teñen incidido en público algunhas das persoas do seu círculo de confianza. Porén, conta con poderosos adversarios internos, comezando pola dirección da formación en Pontevedra, liderado polo tándem formado por Abel Caballero e Carmela Silva, e polo núcleo dirixente da Coruña, a cuxa fronte se atopa o presidente da deputación provincial, Valentín Formoso.

A emerxencia económica e sanitaria

A emerxencia económica e sanitaria vai marcar o debate parlamentario nos próximos catro anos. Se a primeira vaga da pandemia do coronavirus puxo ao descuberto ás costuras dos servizos públicos galegos após anos de duros retallos, a resposta a un segundo gromo e a necesidade de prepararse para non repetir o acontecido obriga a fixar novas prioridades na acción de Goberno. Neste liña, urxe concretar o reforzo do sistema sanitario, comezando por aumentar a cobertura da atención primaria e continuando por dotar de máis medios á especializada non admite demora. Ao tempo, está pendente a definición dun novo modelo de atención aos maiores, que evite a mortalidade vivida nas residencias durante a pandemia e que prime a calidade asistencial fronte ao lucro.

As consecuencias sociais da crise económica provocada pola pandemia van obrigar a optar ao próximo no Parlamento da Galiza. A aposta por unha folla de ruta condescende coas políticas recollidas no plano de rescate europeo presidido polo austeridade e chamado a provocar grandes sacrificios sociais ou a defensa dunha axenda que sitúe nun primeiro plano o compromiso cos dereitos sociais e a defensa dos servizos públicos van marcar o eixo básico da confrontación, dificultando as posibilidades de acordo entre os grupos e as políticas de concertación.

A rúa manda

Será unha lexislatura marcada pola dinámica social. As protestas e mobilizacións en resposta á crise económica rematarán por condicionar toda a acción parlamentaria, agás que a institución aposte pola súa deslexitimación. A alternativa ao PP decídese máis que nunca fóra do Pazo do Horreo.

comentarios