PP cae, BNG sobe, PSdeG baixa, DO entra e Sumar ficaría fóra do Parlamento da Galiza

A primeira enquisa publicada após a convocatoria electoral deixa todos os escenarios abertos. Electomanía fixo pública na quinta feira de onte a súa nova sondaxe para Galiza.

Rueda
photo_camera Alfonso Rueda convocando a pasada quinta feira as elección de febreiro. (Foto: Xunta da Galiza).

A maioría absoluta do Partido Popular está no límite. A última sondaxe publicada por Electomanía sitúa a dereita con posibilidades de seguir gobernando outros catro anos mais cunha representación inferior a de hai catro anos e cunha tendencia á baixa.

Os populares rexistran outro mes máis de caída en intención de voto. A formación liderada por Alfonso Rueda non se beneficia da tendencia á alza rexistrada polo partido no conxunto do Estado, após o acordo entre socialistas e nacionalistas para investir Pedro Sánchez como presidente do Executivo español. A dereita segue acumulando desgaste entre o electorado.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) aparece como segunda forza destacada, tras o PP. A enquisa de Electomanía outórgalle un incremento de representación en relación aos comicios de 2023 e sitúao en disposición de liderar un Goberno alternativo ao PP.

A sondaxe de Electomanía sitúase na liña da achegada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) a pasada quinta feira, que situaba a intención de voto do BNG en máximos históricos. A organización liderada por Ana Pontón confirma a súa tendencia á alza.

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) non avanza en relación aos comicios de 2020. A este respecto, a sondaxe de Electomanía colócao por baixo dos resultados das anteriores eleccións galegas. Neste sentido, o liderado de Gómez Besteiro continúa sen arrancar a medida que se achega a cita coas urnas.

Electomanía ofrece posibilidades de entrar no Parlamento da Galiza a Democracia Ourensá (DO). A formación liderada polo alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome, que presenta como candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, a Armando Oxea, estaría en condicións de entrar na circunscrición de Ourense. Ao tempo, Vox podería superar a barreira de 5% e coarse na Cámara do Hórreo

Sumar sae mal parada da sondaxe de Electomanía. Neste caso, a formación dirixida na Galiza por Paulo Carlos López fica lonxe de sumar o mínimo legal necesario para acadar representación parlamentaria. A enquisa sitúaa nunha porcentaxe semellante á lograda por Galicia en Común nas eleccións galegas de 2020. 

Mantéñense as tendencias

A enquisa de Electomanía para decembro mantén as mesmas tendencias que no mes pasado. Neste sentido, a sondaxe ratifica a entrada de Democracia Ourensá e volve  deixar fóra da Cámara a Sumar.

Comentarios