Jorquera denuncia que as "présas dalguns por colocar os seus" blindan o control do PP na CRTVG

BNG, AGE e Grupo Mixto denuncian o ''ataque á democracia'' que supón o pacto bipartidista para renovar os Consellos de CRTVG e Contas e reforma regulamento parlamentar. Yolanda Díaz considera que é unha mostra da "indixencia moral do réxime" e Chelo Martínez fala dun "acordo indecente".

Parlamento comisión1
photo_camera Antón Sánchez e Yolanda Díaz (AGE), Francisco Jorquera (BNG), Chelo Martínez (Grupo mixto) e Tereixa Paz (BNG).

Comparecencia conxunta no Parlamento de BNG, AGE e Grupo Mixto, unha imaxe de unidade que quixeron dar os tres grupos parlamentares para denunciar o acordo do PP e PSOE para reformar o regulamento da Cámara e renovar os consellos de CRTVG e Contas, un pacto do bipartidismo que constitúe "un verdadeiro cambalache", en palabras de Francisco Jorquera, portavoz do BNG na Cámara galega. Yolanda Díaz, co-portavoz de AGE, acusou populares e socialistas de "querer poñer límites á democracia", mentres que para a deputada Chelo Martínez, estamos perante un "pacto indecente" froito do "nerviosismo do bipartidismo a perder". 

A reforma do regulamento supón, coincidiron, un importante recorte da capacidade de iniciativa dos grupos, limitando a súa capacidade de actuación e control do executivo, e tratando así de impedir que cheguen ao Parlamento cuestións de interese e que preocupan a cidadanía. Jorquera chamou ao Partido Socialista a rectificar "e deixar de facer o traballo suxo ao PP".

Yolanda Díaz (AGE): "A proposta é unha mordaza para a oposición, queren poñer límites á democracia"

Blindar a maioría do PP

Esta alianza de PP e PSOE vai permitir renovar os consellos de administración da CRTVG e Contas, nunha decisión adoptada na recta final da lexislatura e que, por exemplo, vai blindar a maioría absoluta do PP no consello da redio televisión pública galega durante os vindeiros 5 anos, mesmo que perda as eleccións previstas para 2016. Segundo recolle a lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación @s integrantes deste órgao serán eleit@s por "maioría de dous terzos" como tamén a súa renovación ou revogación antes de rematar o mandato. Neste senso, perante unha hipotética mudanza na composición do Parlamento o vindeiro ano e mesmo se o Partido Popular perdese a maioría da que goza na actualidade, a composición non mudaría: ao partido de Feijóo bastaríalle con reter un terzo de escanos do Parlamento (25) para bloquear calquera renovación. 

Esta renovación faise "sen transparencia" e nunha decisión "entre bambalinas" que "anula o Parlamento", explicou Francisco Jorquera, que lembrou que o acordo se tomou mesmo sen esperar que o Parlamento aprobe o mandato-marco desta entidade pública. O portavoz nacionalista foi moi duro co PSOE, afirmando  que "as présas dalgúns por colocar os seus a custo de poñer en perigo a CRTVG e entregar o seu control ao PP" están a xerar un gran malestar mesmo nas filas do grupo parlamentar socialista.

Chelo Martínez (Grupo mixto): "Queren asegurarse a falla de pluralidade na CRTVG"

Convocar eleccións

Para Yolanda Díaz o pacto entre PP e PSOE é un exemplo da "indixencia moral do réxime" e considera que ao adoptar estas decisións a estas alturas, "o bipartidismo dá por acabada esta lexislatura", motivo polo cal "instamos as forzas do réxime a que convoquen as eleccións". Para a co-portavoz de AGE populares e socialistas procuraban con estes acordos "poñer límites á democracia" e "amordazar a oposición", polo que chaman a cidadanía a "rebelarse". 

De "pacto indecente" cualificou a deputada Chelo Martínez (Grupo Mixto) o acordo acadado entre o PP e o PSOE, sinalando que con el "asegúranse a ausencia de pluralidade" nos medios de comunicación públicos galegos.

Comentarios