PP e PSOE pactan a renovación dos Consellos da CRTVG e de Contas

A decisión blinda a maioría absoluta do PP por 5 anos no consello de administración da CRTVG mesmo se perder as próximas eleccións.

20150317 Xunta de Portavoces
photo_camera [Imaxe Parlamento de Galiza]

PP e PSOE acordaron esta terza feira (14 de xullo) renovar o Consello de Administración da CRTVG e os nomes que integran o Consello de Contas. Após a Xunta de Portavoces, decorrida durante a mañá, o reparto pactado outorga 4 representantes ao grupo parlamentar popular e 2 ao socialista, o que blinda a maioría absoluta durante 5 anos máis ao PP, mesmo se nas eleccións ao Parlamento de Galiza en 2016 esa representación non é tal. 

E é que segundo recolle a lei 9/2011 dos Medios Públicos de Comunicación @s integrantes deste órgao serán eleit@s por "maioría de dous terzos" como tamén a súa renovación ou revogación antes de rematar o mandato. Neste senso, perante unha hipotética mudanza na composición do Parlamento o vindeiro ano e mesmo se o Partido Popular perdese a maioría da que goza na actualidade, a composición non mudaría: ao partido de Feijóo bastaríalle con reter un terzo de escanos do Parlamento (25) para bloquear calquera renovación. 

Un acordo "bipartidista"

Desde os grupos parlamentares de BNG e AGE criticaron o pacto e tildárono de "bipartidista". Un acordo que se produce "de costas á Cámara e á pluralidade existente neste país", sinalou o voceiro da fronte nacionalista, Francisco Jorquera. Pola súa banda, a vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz, afirmou que PP e PSOE se "están a repartir os entes" ao tempo que lembrou a imputación dun dos integrantes actuais, José Luís Iravedra, investigado por un presunto delito de carretaxe nos comicios de 2012. 

Porén, PSOE e PP defenderon a decisión adoptada argüíndo que responde a un criterio de "proporcionalidade" legal que outorga a representación ás dúas forzas maioritarias da Cámara. Neste senso, Pedro Puy (PP) criticou as queixas de BNG e AGE sinalando que queren "mandar máis". 

Pola súa banda, José Luís Méndez Romeu sinalou que "a renovación é sorprendente que sexa noticia" pois "leva pendente varios anos". Aliás, o voceiro socialista defendeu o "carácter profundamente democrático" do acordo. 

Comentarios