Premios Nobel de Economía advirten que no Estado español pode darse un “corralito”, segundo o BNG

Francisco Jorquera critica que “Feijoo tache de antiga a nosa proposta de crear unha Banca Pública Galega, mentres ve moderno entregarlle 15.000 millóns de recursos públicos á banca e recortar 10.000 millóns na sanidade e no ensino públicos”
Xuntanza de Jorquera con economistas
photo_camera Xuntanza de Jorquera con economistas

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu que o “corralito” que anuncian para o Estado español destacados premios Nobel de economía, como Paul Krugman ou Joseh Stiglitz “xa o temos en Galiza, o das participacións preferentes, do que o señor Feijoo é tamén responsábel”. Seguindo o mandato da Convención Nacional de trasladarlle á sociedade as iniciativas do BNG, Jorquera presentoulle a un grupo de economistas a proposta do BNG de crear unha banca pública galega, unha iniciativa aberta a suxestións “da que detectamos unha grande receptividade”.

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta lembrou que “un dos principais problemas que ten neste momento a economía é a falta de crédito ás empresas e ás familias”. Unha crise financeira de que as causas para Jorquera están claras: “A falta de regulación dos mercados e a excesiva concentración financeira”.

Neste sentido, advertiu de que “as novas exixencias de capital dictadas polo Goberno aínda van pechar máis o crédito e a creación de oligopolios financeiros polos que aposta Rajoy vai afondar máis os problemas”. “Feijoo ve mal que se cree unha banca pública galega, mais parécelle ben que se entreguen 15.000 millóns á banca”

Por iso, unha das solucións a esta crise financeira vén para o BNG pola creación dunha Banca Pública Galega, que garantiría que o aforro galego quedase en Galiza e contribuíse á recuperación económica, abrindo o crédito ás empresas e ás familias.

“Para el o moderno é recortar 10.000 millóns de euros en sanidade e ensino públicos e entregarlle 15.000 millóns á banca para socializar as súas perdas, e así poida seguir lucrándose e facendo negocio”, retrucou Jorquera.

Pola contra, o candidato do BNG á presidencia da Xunta subliñou que “a nosa proposta está de plena actualidade, é posíbel e ademais temos exemplos, dende Alemaña, onde a banca pública é moi importante, até os países emerxentes, que están a medrar grazas á súa potente banca pública”.

Por este motivo propuxo varias vías complementarias para artellar un sistema financeiro público, desde reformar a lexislación estatal para converter Novagalicia Banco nun Banco Público Galego; crear un Instituto de Crédito Galego; crear unha Caixa de Aforros Galega ou reforzar as cooperativas de crédito existentes.

 “O corralito que se anuncia para España xa o temos en Galiza: as participacións preferentes”

O candidato do BNG á presidencia da Xunta rematou advertindo que “destacados premios Nobel de Economía xa están a advertir dun corralito para España, e ese corralito xa o temos en Galiza: a fraude das participacións preferentes”. Unha situación da cal responsabilizou ao Goberno de Aznar, por permitir que se crease este produto financeiro, e a Feijoo “porque el apoiou a conversión das caixas galegas nun banco e chegar a esta situación”.

 Por iso, Jorquera subliñou que “da profunda crise actual só podemos saír cun cambio radical das políticas económicas, e a creación dunha banca pública galega que defende o BNG é unha das medidas imprescindíbeis que se deben tomar”.

Comentarios