O PP tomba unha iniciativa contra a plantación ilegal do eucalipto

A oposición critica a "falta de control" de Medio Rural pero o partido de goberno defende a moratoria e di que hai expedientes abertos.
Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Nós Diario) #eucalipto #moratoria #bng #pp #parlamento
photo_camera Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Nós Diario)

O PP rexeitou esta quinta feira no Parlamento unha proposta que demandaba instar a Xunta da Galiza a tomar medidas para identificar as terras agropecuarias forestadas ilegalmente con eucalipto e repor a legalidade. Hai unha "gran falta de control da Xunta sobre as plantacións ilegais de eucalipto”, denunciou o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas 'Mini', na comisión de Agro da Cámara. 

O nacionalista lamentou o voto en contra do PP á iniciativa e acusou a Xunta de ofrecer “unha amnistía velada” para os responsábeis das plantacións ilegais de eucalipto. Asegurou que Medio Rural confunde “unha moratoria en serie” cun “levantamento masivo” para máis de 35.000 hectáreas “oficiais” de terreo agropecuario plantadas con eucalipto e criticou a “inacción do PP" ante esta situación.

Nese sentido, sinalou que a recente Lei de recuperación da terra agraria inclúe unha moratoria do eucalipto que tras publicitarse "desatou unha febre plantadora sen parangón". Para o nacionalista, a negativa do PP xa implica que o Goberno galego está "conculcando a ilegalidade".

Neste sentido, o deputado fixo memoria ao expor que o ex conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo comezou en 1992 "a operación Ence pagando por introducir, de maneira masiva, o cultivo e forestación a base de eucalipto".

Non houbo cambios ao respecto e chegaron a verse "gravemente" afectadas fontes e mananciais, pois especies coma o piñeiro precisaban menos auga. Agora, o efecto chamada que teñen denunciado mesmo as entidades ecoloxistas chegou, segundo Rivas, á Terra Chá, A Fonsagrada e até o Piornedo e que, dixo, afecta mesmo a terras agropecuarias, nas que está prohibida calquera plantación.

"Quen controla esta ilegalidade ou quen induce a ela?", lanzou ao aire na súa intervención. De feito respondeu el mesmo: “Ninguén move un dedo para a reposición da legalidade”.

Pola súa banda, a popular Elena Candia defendeu a moratoria como mecanismo para evitar o monocultivo na Galiza. "Pode haber xente que non cumpra" coa moratoria, dixo, sinalando que a lei ten mecanismos para facerse cumprir "e xa hai expedientes iniciados".

Nese sentido, apuntou que Medio Rural, entre 2016 e 2020, incoou máis de 1.700 expedientes sancionadores e máis de 7.400 apercibimentos para a inmediata retirada de plantacións realizadas de forma irregular. 

Sen axudas para Chantada

Tamén na comisión de Agricultura, o deputado socialista Martín Seco acusou a Xunta da Galiza de rexeitar axudas directas para os viticultores de Chantada logo da tormenta de pedrazo caída a semana pasada. 

Seco reclamou estas axudas -idénticas ás concedidas en 2016 para os viticultores de Sober-, a través dunha emenda que o PP se negou a incorporar.

Comentarios