O PP rexeita en Madrid descentralizar a xestión dos fondos Next Generation

A nacionalista Carme Da Silva incide na contradición dos populares.
José Manuel Barreiro e Carme da Silva no Senado. (Fotos: Europa Press)
photo_camera José Manuel Barreiro e Carme da Silva no Senado. (Fotos: Europa Press)

A proposta do BNG de promover un modelo descentralizado dos fondos Next Generation, transferindo á Galiza esas partidas, así como respectar as competencias propias para que administren os proxectos estratéxicos, foi rexeitada polo PP no Senado. Unha proposta, como lembrou a senadora nacionalista Carme da Silva, que o PP si apoiou no Parlamento de Galiza a través dun acordo co BNG.

Neste sentido, Da Silva denuncia a actitude “dun PP que non defende os intereses dos galegos e galegas” e mesmo vota unha cousa na Galiza e a contraria en Madrid. “Os fondos deben dedicarse a proxectos que permitan avanzar no desenvolvemento sustentábel e contribuír a corrixir os desequilibrios territoriais e mesmo avanzar na cohesión social e territorial” defendeu. Pola contra, o modelo de xestión centralizada “prexudicou a Galiza, recibindo moi poucos fondos”.

A emenda defendida polo BNG na Cámara alta española, e que garantía esa xestión descentralizada e o respecto das competencias propias de Galiza, foi rexeitada polo senador galego do Partido Popular José Manuel Barreiro.

Solucionar a problemática do tren na Galiza

Por outra parte, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse na sesión de control do Congreso ao ministro de Transportes, Óscar Puente, para lle exixir solucións e medidas que terminen coas “continuas demoras, incidencias, avarías, falta de maquinistas e problemas nas conexións ferroviarias na Galiza”.

Unha situación, subliñou, que as galegas e galegos definen como “insoportábel”. Rego puxo riba da mesa unha das principais demandas das persoas usuarias: a necesidade de aumentar as frecuencias, máis prazas e horarios adaptados á demanda. O Plan de puntualidade debe incorporar todo isto, aseverou. E aproveitou para pedir a Puente que confirmase a prórroga dos abonos de balde en 2024, como se comprometeu o PSOE no acordo de investidura co BNG.

Comentarios