Congreso

Néstor Rego exixe a Oscar Puente solucións e que "garanta o correcto funcionamento dos trens na Galiza"

O titular do Ministerio de  Transportes recoñeceu ao BNG que un dos principais problemas no ferrocarril é a falta de investimentos en mantemento, afirmando que se deixaron de facer desde o ano 2010 e responsabilizou Mariano Raxoi de non ter comprado nin incorporado un só tren á rede ferroviaria.
Néstor Rego interpela o ministro de Transportes, Óscar Puente esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego interpela o ministro de Transportes, Óscar Puente esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse na sesión de control do Congreso ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, para lle exixir solucións e medidas que terminen coas continuas demoras, incidencias, avarías, falta de maquinistas e problemas nas conexións ferroviarias na Galiza.

Rego fixo un retrato do que acontece a diario nas estacións de tren galegas onde “as persoas usuarias deben enfrontar demoras, masificacións, falta de prazas, inadecuación das frecuencias ás necesidades horarias ou á imposibilidade de comprar billetes a un mes vista ou a supresión de servizos por falta de maquinistas e de persoal”.

Unha situación, subliñou, que as galegas e galegos definen como “insoportábel” e que dificulta os desprazamentos cotiáns. Indicou que os problemas afectan sobre todo o Eixo Atlántico e o Avant Ourense-Santiago-A Coruña, mais tamén o ancho métrico, os rexionais e mesmo o Alvia.

Rego demandou a Puente que escoite as plataformas de usuarios que levan tempo reclamando medidas. O deputado do BNG dixo a Puente que alén das medidas recollidas no acordo asinado co BNG, é preciso garantir o correcto funcionamento do ferrocarril que na Galiza está a ter “unha alta demanda”.

"Mellorar o mantemento, aumentar as frecuencias, máis prazas, máis persoal"

Na súa réplica ao Ministro, Néstor Rego concordou en que “a principal causa do deficiente servizo ferroviario é a falta de investimentos” e emprazouno a asumir o compromiso de mellorar o mantemento das infraestruturas, renovar o material rodante e incrementar a dotación de persoal, tanto maquinistas como o resto de profesionais”.

Puxo encima da mesa unha das principais demandas das persoas usuarias: a necesidade de aumentar as frecuencias, máis prazas e horarios adaptados á demanda. O Plan de Puntualidade debe incorporar todo isto, aseverou. E aproveitou para lle pedir a Óscar Puente que confirmase que van prorrogar os abonos o próximo ano 2024, como se comprometeron no Acordo de Investidura co BNG.

"Señor Ministro, Galiza aposta polo tren"

O nacionalista asegurou que Galiza aposta polo tren: “o incremento notábel de usuarios e usuarias é mostra da aposta polo ferrocarril cando as condicións axudan”. Asegurou que a poboación aposta por este medio de transporte sustentábel se é fiábel e tarifariamente atractivo e responde ás necesidades diarias de mobilidade.

O titular do Ministerio de  Transportes recoñeceu ao BNG que un dos principais problemas no ferrocarril é a falta de investimentos en mantemento, afirmando que se deixaron de facer desde o ano 2010 e responsabilizou Mariano Raxoi de non ter comprado nin incorporado un só tren á rede ferroviaria.

Anunciou a compra de 500 trens e asegurou ao BNG que “esta adquisición resolverá a maior parte dos problemas”. Informou tamén a Néstor Rego que os trens Avril chegarán á Galiza nos primeiros meses do 2024 e que “mellorarán os servizos”.

En canto á demanda de Néstor Rego sobre a prórroga dos abonos, Óscar Puente desvendou que están a traballar  “nunha medida lexislativa que se coñecerá antes de fin de ano”.

Comentarios