domingo 27/09/20

O PP leva ao Parlamento a súa campaña electoral

Feixoo non defraudou. Mentres a oposición puxo sobre a mesa alternativas para confrontar o coronavirus, o presidente galego continuou a súa longa precampaña electoral. O Parlamento da Galiza viviu onte outro novo capítulo. 
O PP leva ao Parlamento a súa campaña electoral

O retorno de Alberto Núñez Feixoo ao Parlamento da Galiza cumpriu co guión previsto. O presidente galego deulle continuidade ao seu discurso dos últimos meses e centrou a súa intervención en tentar presentarse como o máximo valedor dos intereses do país en criticar a xestión do Executivo estatal. Así, denunciou que “na estratexia de desconfinamento” formulada polo Goberno de Pedro Sánchez “reina tamén a confusión”, “as decisións tómanse con poucas horas de marxe”, “hai áreas económicas que non se regulan” e “os protocolos nalgúns sectores non existen ou improvísanse”.

O xefe do Executivo galego evitou dar explicacións sobre os aspectos máis conflitivos da súa xestión. Se ben na súa primeira quenda de intervención non afondou no acontecido nos centros de maiores, interpelado pola oposición viuse na obriga de recoñecer eivas no seu funcionamento ao tempo que anunciou “a necesidade dunha reorientación sociosanitaria das residencias da terceira idade”. Malia todo, sacou peito do labor desenvolvido neste ámbito, salientou que remataron coas probas de coronavirus a usuarias e traballadoras e desligou a alta mortalidade do predominio do modelo de xestión privado.

Feixoo instalouse na oposición á oposición. Neste sentido quixo responsabilizala das eivas actuais do sistema de benestar e do servizo de saúde, desmentindo as propias cifras oficiais do Goberno galego en relación á diminución do persoal sanitario e do número de prazas hospitalarias. Chegou a preguntarse “que acontecería coa sanidade que vostedes nos deixaron?” e emendou os propios datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que certificou o recorte de 888 camas nos hospitais na última década, período que coincide coas súas etapas de goberno. Ademais, asegurou que houbo un incremento nos recursos sanitarios. Nesta liña, denunciou o “mantra da sanidade” da oposición , “esa sanidade que collemos sen hospitais novos”.

Caballero fecha filas con Sánchez

Gonzalo Caballero foi fiel ao seu estilo. O dirixente socialista comezou a súa intervención denunciando a negativa de Núñez Feixoo a comparecer no Parlamento da Galiza durante dous meses e afeoulle que no mesmo período apareceu en “24 roldas de prensa retransmitidas pola TVG sen confrontación de argumentos, nun discurso unilateral”. A continuación, criticou a Xunta por “debilitar o sistema sanitario público e os servizos sociais”, urxiu “un cambio nas políticas de retallos, dos servizos públicos e dos centros de maiores” e lamentou que o Goberno galego “non mobilizase os seus recursos económicos para apoiar as persoas afectadas por esta crise”.

O secretario xeral dos socialistas contrapuxo a resposta do Executivo de Pedro Sánchez  ás alternativas do Goberno de Núñez Feixoo. “Vostedes non se anticiparon. Decretaron a emerxencia sanitaria tres horas despois de que o presidente do Goberno anunciase o estado de alarma”, sinalou Caballero, quen destacou o diferente comportamento do virus nos cárceres e nos centros de maiores. “Compare a circulación do virus entre os cárceres, que son de competencia estatal, coas residencias, competencias exclusivas da Xunta. Os focos de contaxio están nos ámbitos de responsabilidade da Xunta, en residencias e en profesionais sanitarias. Por que entrou tanto o virus nas residencias de maiores?”, inquiriu Caballero.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta mantívose na defensa fechada da xestión do Goberno do Estado. Na liña do seu discurso desde o comezo da pandemia e a diferenza da posición doutros dirixentes territoriais, avalou na súa totalidade a resposta do Gabinete de Pedro Sánchez. Así, esixiu a Feixoo “recoñecer que por primeira vez nunha crise deste calado, o Estado achegou instrumentos de protección para dar cobertura ás afectadas” e rematou afirmando que “hoxe o Estado é máis importante que nunca, o que nos dá protección a todas”.

Antón Sánchez crítica o dobre discurso de Feixoo

Antón Sánchez, o único portavoz parlamentario presente na Deputación Permanente que non vai repetir na vindeira lexislatura, non deixou pasar a oportunidade para impugnar as políticas aplicadas por Feixoo durante a crise do coronavirus. “As súas políticas saen derrotadas desta crise. Todo o que vostede representa sae estrepitosamente derrotado desta crise. Cando saltou a pandemia, desapareceu a patronal da sanidade privada e emerxeron os traballadores da sanidade pública”, espetoulle Sánchez ao presidente galego. O portavoz de Común da Esquerda denunciou a conivencia do presidente galego coa patronal dos centros de maiores privados. “Vostede apareceu en fotos con donas das residencias privadas, pero non atopei fotos de vostede coas traballadoras precarizadas nesas residencias. Isto lévanos a preguntarnos se unha vez que viu que, por culpa de facer negocio coa saúde dos maiores, o 98% das mortes na Galiza foi nas residencias privadas, ten intención de cambiar o modelo”, salientou. Ao tempo, recordoulle a Feixoo a existencia dun informe elaborado en 2017 polo Consello de Contas e desvelado por Nós Diario en que xa se advertira por entón da “falla de medios nas residencias privadas”. 

Sánchez afeoulle a Feixoo o seu dobre discurso. “Fala vostede de diálogo pero despreza o diálogo coa oposición”, indicou Sánchez, que acusou a Feixoo de falar "de autogoberno" para criticar o Executivo estatal cando "leva 11 anos sen conseguir nin unha soa transferencia de competencias. Calou ante a política recentralizadora de Raxoi".

Pontón critica a negativa de Feixoo ao diálogo

Ana Pontón mantívose na proposta pero subiu o ton da súa crítica á xestión de Feixoo. A portavoz nacional do BNG propuxo “un gran pacto de país para a reconstrución económica e social da Galiza, que ten que forxarse neste Parlamento” co obxectivo de “rescatar as persoas desta crise” e que incida “na  saúde, no traballo e no benestar social, aí debemos enfocar todos os esforzos, en garantir un sistema público sanitario, o traballo e o dereito ás persoas a ter unha vellez digna". Nesta liña, lamentou a negativa de Feixoo ao diálogo coa oposición e instouno a non “pórse de perfil nin de seguir coa vella política da confrontación estéril".

A portavoz nacional do BNG denunciou a política da Xunta en materia sanitaria e de benestar. A este respecto reiterou a solicitude da formación nacionalista para pór en marcha na Cámara unha investigación sobre as residencias, parella á que leva adiante a Fiscalía, xa que  "45% das persoas falecidas por coronavirus foran usuarias das residencias”. Neste sentido, preguntouse "que está a pasar para que case a metade das mortes por coronavirus se concentren neste colectivo" e expresou o seu convencemento de que Feixoo “non vai poder silenciar o que pasou nas residencias de maiores”.

“No ámbito sanitario, déixanos un sistema público con menos profesionais e con menos medios. As consecuencias é que temos a Atención Primaria no chasis. O mínimo é que se comprometa a manter todo o persoal de reforzo que contratou, malia a precariedade que introduciu no sistema”, espetou Pontón a Feixoo. Ao tempo, a dirixente nacionalista reclamou alternativas en materia económica preguntando “polas medidas da Xunta para 230.000 traballadoras afectadas polos ERTE” e “polas axudas para as autónomas”, esixindo a Feixoo a posta en marcha de liñas de apoio directo a semellanza do que aconteceu en Catalunya ou Euskadi.

O representante de En Marea, David Rodríguez, non puido acudir á sesión por motivos de saúde. Porén, a súa formación fixo chegar un comunicado onde defendeu “unha proposta de desconfinamento máis próxima á situación de cada territorio dentro da Galiza" e o “exercicio pleno do autogoberno”, para o que "urxe unha reflexión e reforma de institución dos estados excepcionais en canto sexa posíbel".

comentarios