PP e PSdG abordarán a redución de parlamentares

Segundo informou Pedro Puy en comparecencia de impresa, ambos os dous grupos manterán unha xuntanza a dúas bandas esta quinta feira. O Bloque xa avanzara que "non negociará" unha reforma que considera "antidemocrática", ao igual que AGE que rexeitou "calquera contacto" do grupo maioritario neste asunto

O grupo parlamentar do Partido Popular continúa adiante coa súa folla de rota na redución de deputad@s. Neste senso, a vindeira quinta feira "con toda probabilidade" --anunciou Pedro Puy-- manterán unha xuntanza con representantes do PSdeG para negociar a reforma electoral na que se inclúe a redución do arco parlamentar. 

A reunión foi acordada entre os voceiros de ambas as dúas formacións e nela abordarán en conxunto a reforma electoral prevista pol@s populares. Neste senso, Pedro Puy mantén a proposta inicial achegada polo seu grupo e pulará pola redución de 14 deputad@s (de 75 a 61), unha iniciativa que, a priori é rexeitada desde o PSdeG, ao considerala unha "cortina de fume" para desviar a atención dos escándalos que atinxen ao PP. 

O PP manterá a súa proposta inicial e chama ao PSdeG a apoiala 

Porén, Puy asegurou que @s socialistas apoiaron no seu momento a fixación da forquita entre os 80 e os 61 polo que entende ambas as dúas formacións deberían concordar no mantemento do número de parlamentares no estabelecido polo Estatuto --toda vez que a redución até 61 deputad@s permitiría ao grupo maioritario sen necesidade de acometer unha reforma estatutaria. 

Desde o BNG, presentaron unha Proposición de lei para contrapor a "degradación democrática" que para @s nacionalista supón a proposta do PP. Segundo o portavoz do Bloque, Francisco Jorquera, a reforma do sistema electoral proposta procura "gañar en democracia" e "alcanzar un maior grao de proporcionalidade entre o voto expresado polo corpo electoral e a representación obtida". Neste senso, criticaron con dureza que a redución de deputad@s prevista polo PP "afasta" a vontade popular da distribución final de escanos. 

Comentarios