O PP aproba os orzamentos da Deputación de Pontevedra entre acusacións de caciquismo

O grupo de Goberno defendeu os seus primeiros orzamentos como un "exemplo de municipalismo".
O pazo da Deputación de Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O pazo da Deputación de Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).

A maioría do PP no pleno da Deputación de Pontevedra permitiu a aprobación esta sexta feira dos orzamentos para o próximo ano entre críticas da oposición (BNG e PSOE), que veu nas contas deseñadas polo equipo do presidente, Luís López, unha volta ao "caciquismo".

Fronte a iso, o Goberno defendeu os seus primeiros orzamentos como un "exemplo de municipalismo" e destacou o aumento en partidas de cooperación, deporte, turismo e cultura, así como a creación dun novo servizo de mocidade e reto demográfico.

Así o destacou o portavoz do PP, Jorge Cubela, que destacou na súa intervención que un de cada tres euros dos 189,2 millóns que compoñen este orzamento "destinaranse a apoio directo aos concellos".

Porén, o grupo do PSdeG denunciou os "machadazos ideolóxicos" dos orzamentos para, segundo o seu portavoz Carlos Font, cargarse os "sinais de identidade" da Deputación en Igualdade e políticas de Mobilidade inclusiva.

Neste sentido, cualificou o orzamento para 2024 de "machista, de volta ao chapapote, antisocial e profundamente antimunicipalista" e lamentou que os convenios con Vigo e Pontevedra baixasen de 8,5 millóns de euros a 7,5 millóns.

En canto ao servizo de deportes, o PSOE afirmou que queda reducido ao "servizo do fútbol, porque só contén novidades para facer feliz ao señor (Rafael) Louzán, que é o que manda neste área".

Pola súa parte, o portavoz do BNG, César Mosquera, advertiu que o Partido Popular elimina con estes orzamentos fondos de plans como a 'Ágora' e o 'Revitaliza', baixa os investimentos propios e para os Concellos, e volve aos plans de acción "caciquil".

Para o nacionalista, trátase de "un retroceso en cuestións moi sensíbeis" que, ao seu xuízo, son reflexo das políticas do PP marcadas por "decisións de regresión". Ademais, Mosquera tamén censurou que os investimentos para os Concellos "pasan de 41 millóns a 37, catro millóns menos", algo que, segundo recalcou, "é un dato concreto oficial que non ten discusión".

O nacionalista tamén sinalou que "clama ao ceo" que desapareza 90% do diñeiro para convenios de obras e de Ágora e reprochou ao PP que faga fachenda de incrementos nos investimentos reais "cando pasan de 17 millóns a 13".

Comentarios