O BNG ve na Deputación de Pontevedra unha volta ao 'louzanismo'

Considera que a institución provincial pontevedresa vai "a peor".
César Mosqueira
photo_camera César Mosqueira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, fixo esta cuarta feira unha valoración dos 100 días do novo Goberno do PP na institución provincial e asegurou que “non imos mal, imos peor”. O nacionalista asegurou estar moi preocupado pola institución, da que dixo está paralizada intentando “resucitar as peores políticas de Louzán”, así como freando as mell-ras no Museo de Pontevedra proxectadas para os Edificios Centrais e Santa Clara.

Segundo Mosqueira, o Partido Popular está a “liala” dando voltas a estes dous proxecto, “querendo introducir cambios porque realmente nin Deputación nin Xunta da Galiza queren pór cartos”.

"Sorprendido"

O portavoz nacionalista afirmou estar "sorprendido negativamente" pola marcha desta entidade durante os primeiros 100 días de Goberno baixo a presidencia do popular Luís López. Neste sentido, asegurou que están a pasar cousas "que nunca antes pasaran", como tardar un mes para o reparto de áreas e apurar os prazos máximos legais, o que levou "a unha paralización da Administración".

Subliñou Mosqueira que hai unha carga de traballo moi asimétrica, así como unha división clara entre dous tipos de deputados e deputadas: "os que veñen resolver problemas" (citou as áreas de Mobilidade e Cooperación) e os que están "obsesionados en parar proxectos e destruír, buscando conspiracións do anterior goberno de BNG e PSdeG".

O portavoz nacionalista puxo no foco o vicepresidente Rafael Domínguez por, ao seu entender, "as continuas desautorizacións que tivo sufrido dende o principio do mandato por parte dos seus xefes". “Tantas e tan seguidas non se viran nunha. Exponse día si e día tamén con anuncios sen base e téñeno que frear”, afirmou Mosquera.­

Comentarios