A Deputación de Pontevedra "elimina" os plans Ágora e Revitaliza

O BNG denuncia que a institución provincial deixa os proxectos fican "sen fondos".
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, acusou o novo Goberno da entidade provincial de "eliminar" os plans Ágora de Mobilidade e o Revitaliza de residuos “deixándoos vexetar sen cartos e sen impulso”. O nacionalista explicou que a modificación de crédito que se aprobará hoxe no Pleno provincial destinará “até o último céntimo” dos case 2,3 millóns de euros dispoñíbeis en ambos os dous proxectos a outras actuacións, entre elas o Plan de Infraestruturas Deportivas.

"Cárganse os dous programas máis exitosos que había cos concellos", lamentou Mosqueira sobre estes plans da Deputación "recoñecidos externa e internamente" e que "funcionaban sen grandes problemas e tiñan éxito e aceptación administrativa e social".

Mosqueira destacou a importancia de ambos os programas, que botaron a andar no 2015 dando resposta a necesidades dos concellos en materia de residuos e mobilidade con propostas innovadoras. Destacou o nacionalista que aínda hoxe están adheridos a ambasas dúas iniciativas concellos “de todo signo e condición” sen que se abrise batalla política nin confrontación ao poñelos en marcha.

“Sabemos que había unha parte da Executiva do PP que quería sabotealos, mais a maioría decidiu que non tiña sentido porque eran bos para todo o mundo”, puntualizou o voceiro do BNG.

Lembrou tamén o nacionalista que o Plan Revitaliza -de tratamento de residuos baseado na compostaxe- recibiu recoñecementos internacionais . Sobre o Plan Ágora, destinado a potenciar a recuperación do espazo público e a tratar as vías provinciais e municipais con criterios de seguranza viaria e comodidade para as persoas, salientou que recibiu tamén premios e distincións.

O portavoz nacionalista criticou tamén a inacción do Goberno da Deputación no relativo a Santa Clara e o Museo de Pontevedra. Destacou que o vicepresidente Domínguez anunciou hai máis dun mes que ía haber novidades “en 10 días, 5 días, próximamente...”.

“Pasaron os prazos de maneira xenerosa e non vemos nada de nada. Vese que está decidido parar todo. En Santa Clara neste mandato só haberá papeis e líos, e no Museo, nos Edificios Centrais, igual algo farase, pero as prioridades van por outro lado”, destacou, cualificando a situación como “grave” e anunciando que “estaremos vixiantes”.

Comentarios