A Deputación de Pontevedra muda o seu logo por un "que se parece bastante ao do PP"

O novo logo da institución lembra, segundo membros da oposición, ao actual logo do PP.
O logo do PP e o novo logo da Deputación de Pontevedra (Foto: PSOE de Pontevedra).
photo_camera O logo do PP e o novo logo da Deputación de Pontevedra (Foto: PSOE de Pontevedra).

De "sorpresa". Así veñen de cualificar desde a oposición o cambio de logo que a Deputación de Pontevedra (agora en poder do PP) fixo nas últimas horas.

O motivo, que o goberno da Deputación de Pontevedra e o seu presidente, Luis López, "revestiron" a presentación do novo logotipo da institución, unha imaxe de "cuestionábel valor estético e que foi anunciada con moita máis relevancia que o avance do propio orzamento provincial para 2024", que "quedou reducido a catro pinceladas grosas", segundo denunciaron do grupo socialista na institución.

Os deputados socialistas, ademais, lamentaron que este deseño do logotipo e da nova imaxe "fose adxudicado, directamente, a unha empresa externa nun claro desprezo ao equipo de profesionais da casa do departamento de comunicación".

Neste sentido, lembra que se trata dun equipo humano que foi o encargado de deseñar o logotipo e a imaxe utilizada nos últimos oito anos, así como de todo o material gráfico empregado na comunicación institucional dos diferentes departamentos da deputación nos últimos mandatos.

O portavoz provincial socialista, Carlos Font, afirmou que o principal acto político dun presidente que leva case catro meses no cargo foi a "presentación dun logotipo que se parece bastante ao do PP e, con isto, queda dito todo".

O lema

Ao fío diso, apuntou que merece unha "cuestión aparte a utilización do slogan 'Tendendo pontes' por parte do presidente ", xa que se trata dun lema que foi usado nunha campaña política doutro partido en 2016 e que actualmente o usan empresas, colectivos sociais e programas educativos da Consellaría de Educación, polo que a "orixinalidade brilla pola súa ausencia".

Font tamén se referiu á "presentación marxinal do orzamento para 2024", respecto diso do que o grupo socialista di que hai que esperar á análise da documentación con vistas ao pleno de aprobación inicial do próximo 14, pero criticou que Luis López "apenas dixo nada", porque "está máis centrado no logotipo".

Comentarios