Co fin de corrixir “os erros de décadas” e de estabelecer “as bases para un monte limpo, ordenado e multifuncional como mellor antídoto contra os incendios e a favor dun rural vivo”, a portavoz do BNG, Ana Pontón, vén de remitirlle unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñéz Feijóo para convocar un encontro. O obxectivo, acadar “un grande acordo de país en materia de política forestal”.
A tamén portavoz parlamentar do Bloque envíalle a carta a Feijóo nun contexto de preocupación após o grave incendio rexistrado en Portugal, “a catástrofe humana e ambiental que vén de sufrir Portugal fai imperativo sentar a dialogar”.
Na misiva enviada a Monte Pío na sexta feira, 23 de xuño, a nacionalista reclama dar “un xiro de 180 graos” á xestión do monte. Unha xestión, defende Pontón, “adaptada á nosa realidade, que pense no interese xeral e deixe de hipotecar o noso futuro polos intereses de empresas contaminantes como Ence”.
Ana Pontón esixe, así, que após o incendio portugués se tiren conclusións para evitar que algo así aconteza na Galiza, dadas as similitudes entre a realidade territorial e forestal galega e a portuguesa. Advirte do “abandono rural e do monte”, da “falta de ordenación forestal”, da “fortísima presenza de especies foráneas e pirófitas (eucalipto e piñeiro)”, da “desestacionalización dos incendios”, da “precarización das condicións de traballo e do propio servizo de prevención e extinción de incendios forestais”.
O portavoz parlamentar do BNG en materia de Agricultura, Xosé Luís Rivas, afirma que “a proposta da portavoz nacional ao presidente da Xunta é de puro sentido común, hai que sentarse a falar e chegar a un gran acordo de país para ordenar o noso monte”.
Xosé Luís Rivas: “Eu que vivo no rural, en Boirmorto, e collo a diario as estradas polo interior para chegar antes a Santiago, se me pilla un lume, estou perdido, estou perdido"
“Eu que vivo no rural, en Boirmorto, e collo a diario as estradas polo interior para chegar antes a Santiago, se me pilla un lume, estou perdido, estou perdido. E nunca antes o pensara, pero é unha realidade”, alega o nacionalista.
Vínculos de Ence co PP
A respeito de Ence, o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, no mes de xaneiro de 2016, prorrogara a concesión da pasteira, cuxo Consello de Administración está composto por persoas con estreitos vínculos co Partido Popular, 60 anos máis.