Sesión de investidura

Pontón tende a man a Rueda pero rexeita o seu pacto pola industria, que ve asentado no "espolio"

"Se realmente quere un pacto industrial fagamos que esta sexa a lexislatura dun modelo eólico a favor da maioría social e para favorecer a industrialización", sentenciou a líder da oposición.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Parlamento)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Parlamento)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tendeu a man ao candidato á Presidencia da Xunta polo PP, Alfonso Rueda, para alcanzar acordos "de país", pero manifestou o seu rexeitamento ao pacto industrial ofertado polo popular no seu discurso de investidura, pois a nacionalista cre que representa o "espolio" de recursos naturais para "entregar os beneficios" a un "puñado de multinacionais" sen que revertan as virtudes no territorio.

Pontón avanzou na súa intervención durante o debate de investidura que se renovou na mañá desta quinta feira no Pazo do Hórreo que o "reforzado" grupo parlamentario do Bloque após as eleccións do pasado 18 de febreiro enfoca esta lexislatura como unha oportunidade para actuar como un "Goberno alternativo" que "a cada crítica" ao labor da Xunta exporá "que faría" o BNG desde San Caetano "para mellorar a vida da xente".

Así, incidiu en que o Bloque encara este catro anos "coa intención de facer política de luces longas", o que Pontón contrapuxo á "crispación" que, ao seu xuízo, o PP "está a instalar na vida pública" e que pediu a Rueda que abandone para poder alcanzar "acordos de país" en asuntos como a sanidade, vivenda, enerxía ou "calidade" democrática.

"Para formar parte da 'Confraría da Perpetua Crispación' que lle impón [Alberto Núñez] Feixoo, non conte connosco", aseverou Pontón, nunha chiscadela ás palabras de Rueda nas que, durante o discurso de investidura, acusou veladamente o Bloque de actuar como a "confraría do perpetuo non" pola súa postura contraria ao proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) ou as súas críticas ao desenvolvemento de proxectos eólicos no país.

Neste sentido, a líder frontista manifestou o seu rexeitamento ao pacto industrial ofrecido por Rueda á oposición tamén a pasada terza feira e que entende como unha forma de lexitimar o modelo de "espolio" enerxético e de recursos naturais que, di, facilitan os gobernos do PP desde a Xunta. "Se realmente quere un pacto industrial fagamos que esta sexa a lexislatura dun modelo eólico a favor da maioría social e para favorecer a industrialización", sentenciou Pontón, antes de subliñar que o BNG aposta por "unha industria do século XXI, sustentábel co territorio, co medio ambiente e co rural".

Para Pontón, estas últimas cuestións están en risco coa intención da multinacional portuguesa Altri de instalar unha "macrocelulosa" na comarca da Ulloa, un proxecto sobre o que acusou á Xunta de "mentir" e "enganar" á cidadanía. "Se é tan bo, por que non o queren en Portugal?", preguntouse para, a continuación, autorresponderse: "Porque é contaminante".

Así pois, advertiu que o BNG rexeita que "se coe como industrialización" o que consideran "unha agresión descomunal" ao medio ambiente, ao sector agrogandeiro da comarca e ao sistema fluvial do Ulla que chega até a ría de Arousa. Todo, continuou, dentro dun proxecto que espera 250 millóns de euros de axudas públicas para a súa posta en marcha, polo que Pontón convidou a Rueda a explicar aos máis de 200.000 autónomos galegos que "quere que Altri reciba catro veces máis axudas públicas que as que o seu goberno lles concede cada ano".

Comentarios