Sesión de investidura

Oxea dá coa súa abstención un "voto de confianza" a Rueda para reverter a "discriminación" a Ourense

DO reclama máis investimentos en toda a provincia e denuncia o seu "abandono" por parte da Xunta nos últimos anos.
O deputado de DO, Armando Oxea, hoxe, no Parlamento.
photo_camera O deputado de DO, Armando Oxea, hoxe, no Parlamento.

O deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, chamou hoxe o candidato do PP á Presidencia da Xunta e actual mandatario en funcións, Alfonso Rueda, a reverter a "discriminación histórica" que, ao seu xuízo, sufriu Ourense desde San Caetano ao longo de todos os anos de autogoberno, polo que confirmou que se absterá para entregar un "voto de confianza" en aras de que se produza un cambio no tratamento do Goberno galego á provincia.

"Non me gusta como funcionou a Xunta da Galiza até este momento, pero confío en que cambie a partir de agora", aseverou Oxea na súa intervención durante o debate de investidura, que se retomou na mañá desta quinta feira para concluír, xa pola tarde, coa votación na que Rueda sairá elixido Presidente da Xunta grazas a maioría absoluta do PP.

Seguido desde a bancada polo alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Xácome, Armando Oxea recoñeceu ao comezo da súa intervención que vén ao Parlamento "fundamentalmente" para falar da súa provincia, que considera "discriminada" de forma "histórica" polos sucesivos gobernos da Xunta, en asuntos como as infraestruturas, os investimentos sanitarios, o mundo rural ou a promoción do turismo.

Así, Oxea converteu a súa primeira intervención e, por extensión, a estrea de Democracia Ourensá no debate parlamentario nunha relación das demandas que, para o partido localista, o Goberno galego debe asumir para acabar con este "tratamento" que, di, levou a Ourense a presentar problemas asociados á perda de poboación.

Neste sentido, reclamou investimentos en infraestruturas sanitarias para evitar que as e os pacientes de determinadas zonas como Valdeorras ou, mesmo, a propia cidade de Ourense se vexan "obrigadas" a acudir a centros hospitalarios doutras provincias, á vez que pediu o cumprimento dos compromisos con vías de comunicación no sur da provincia e noutras comarcas "esquecidas". Tamén denunciou o "abandono" do rural que, segundo Oxea, pode exemplificarse na situación da compra por parte da Xunta "dun pobo enteiro" no parque natural da Serra do Xurés para convertelo nunha aldea de estudo "que está agora morto de risa" e "está a ser vandalizado".

Así mesmo, na lista de deberes que puxo ao novo Goberno de Rueda tamén figuran medidas para combater o cambio climático nunha provincia "que bate récords de temperatura todos os anos" e que aposte pola promoción turística de Ourense, cidade "que está a 35 minutos en tren de Santiago, o mesmo tempo deste discurso", apostilou o deputado.

Oxea terminou a súa intervención avanzando a súa abstención para non "bloquear" a investidura de Rueda, postura xa deslizada tras o discurso inaugural do debate. Ao concluír, Xácome lanzou desde a bancada un "bravo", que foi respondido polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, lembrando que o regulamento do Parlamento obriga o público a permanecer calado. "Entón, non podo aplaudirme a min mesmo?", chanceou Oxea aínda desde o estrado.

Comentarios