Pontón debulla o aforro en peaxes conseguido co acordo de BNG e PSOE: 200 euros ao mes

Melloras en mobilidade, igualdade e benestar social.
Carme da Silva, Ana Pontón e Luís Seara, esta quinta feira en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme da Silva, Ana Pontón e Luís Seara, esta quinta feira en Ourense. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta quinta feira en Ourense xunto á senadora da formación, Carme da Silva, e o portavoz municipal de Ourense, Luís Seara, o acordo de investidura do BNG e o PSOE no Congreso español. Do mesmo salientou que a cidade das Burgas, "ao igual que o conxunto da Galiza", "gaña con este acordo e coa política útil do BNG, que impulsa a axenda galega ante o Estado e mellora a vida das persoas". 

Neste sentido, tanto Pontón como Da Silva destacaron o "impacto positivo" do acordo para Ourense, que mellora a súa mobilidade a través de "importantes actuacións" en materia de infraestruturas.

Entre eles, descontos na AP-53 (que une Compostela coa comarca do Deza), "unha rebaixa nas peaxes que suporá un desconto do 75% para os ourensáns e as ourensás que de maneira habitual fagan 20 viaxes a Santiago". A portavoz do BNG cifrou en 200 euros mensuais o aforro para as usuarias recorrentes, unha contía que considerou" de especial relevancia" nun contexto de crise de prezos.

Melloras ferroviarias

Pontón tamén apuntou a que o acordo entre BNG e PSOE recolle a recuperación de todas as frecuencias horarias de tren suspendidas durante a pandemia, e que afectaban de maneira especial Ourense. "Non se pode perder o tren porque é o medio de comunicación do futuro", insistiu, para engadir que en materia ferroviaria tamén se vai modernizar a liña entre a estación de Guillarei, en Tui (comarca do Baixo Miño) e a cidade de Ourense. 

O acordo tamén recolle "máis medios para loitar contra a violencia machista xun xulgado específico que se recollerá nos orzamentos de 2024" e "melloras en materia de benestar social que terán unha incidencia moi positiva sobre unha provincia cun alto nivel de envellecemento da poboación, como son a actualización das pensións de acordo ao IPC e o aumento das pensións non contributivas, as de máis baixa contía", sinalou a senadora Carme da Silva. 

Comentarios