Pontón relata con "orgullo" os logros do acordo de investidura co PSOE

“Non imos permitir ningunha discriminación e estamos facendo o traballo que non fai Rueda”, destacou a portavoz nacional do BNG.
Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego esta sexta feira (Foto: Europa Press).
photo_camera Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego esta sexta feira (Foto: Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, amosou o seu “orgullo” por un Bloque Nacionalista Galego que unha vez máis demostra a súa capacidade para defender os intereses da Galiza ante o Goberno do Estado mellorando a vida dos galegos e das galegas.

“Co BNG, unha vez máis, a Galiza gaña, e non lles escondo que é para min moito de orgullo poder dicir que grazas ao BNG miles de galegos e de galegas van ter beneficios na súa vida diaria, que imos mellorar a vida da xente. Esta é a mellor maneira de demostrar a utilidade da política que practicamos para defender os intereses da maioría social, para defender os intereses da Galiza”, salientou a líder nacionalista tras a reunión da Executiva Nacional da formación, que analizou o documento base da negociación do BNG co PSOE.

Aínda con detalles por fechar, Pontón destacou os tres grandes ámbitos nos que a formación que lidera logra acordos beneficiosos. O primeiro relacionado coas infraestruturas, o segundo cas melloras en financiamento de tal modo que a Galiza vai recibir o mesmo trato que calquera outra autonomía en relación coa condonación da débeda e, en terceiro lugar, as melloras en benestar social e igualdade.

Pontón foi contundente no relativo a que o acordo negociado polo BNG garante a igualdade de trato coa Galiza, de tal maneira que será compensada ante calquera recorte ou condonación de débeda que o Estado conceda a calquera comunidade autónoma. Nese suposto, a Galiza recibirá unha “compensación análoga”.

“Non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do Fondo de Liquidez Autonómico e deixar fora a Galiza e iso foi o que logrou o BNG”, explicou Pontón, en contraste cun presidente da Xunta da Galiza (Alfonso Rueda) “enfadado, instalado no argumentario que lle ditan desde a madrileña sede de Xénova en vez de axudar a materializar un acordo que será beneficioso para a Galiza e que estabelece con total claridade que ten que haber unha compensación para este país ante calquera recorte de débeda noutras comunidades. Non imos permitir ningún tipo de discriminación á Galiza”, proclamou.

“Desde o BNG estamos facendo o traballo que non fai Rueda e só agardo que polo menos no intente pór paus nas rodas e boicotear este acordo porque é beneficioso para Galiza”, indicou. Entre os detalles concretos explicados pola portavoz nacional do BNG, as novas rebaixas na AP-9 que se fan extensíbeis á AP-53 entre Compostela e Ourense, unha medida que beneficiará a miles de galegos e de galegas facilitando un aforro importante nun contexto de crise de prezos. Pontón destacou que no caso da AP-53, o Bloque logra dar resposta a unha demanda “histórica” que permitirá tamén darlle un respiro á veciñanza da Galiza do interior que quedaba allea aos beneficios das rebaixas das peaxes conseguidas no pasado acordo de investidura. “Evidentemente seguiremos traballando por unha AP-9 galega e libre de peaxes e este é un novo paso importante nesa dirección”, indicou Pontón.

En materia de infraestruturas destacou o acordo para implantar o servizo de tren de proximidade antes de rematar a lexislatura, dándolle prioridade as dúas áreas urbanas que teñen máis volume de poboación, Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol. Igualmente, o acordo recolle unha mellora xeneralizada de toda a infraestrutura ferroviaria e recuperar as frecuencias que foron suspendidas durante a pandemia. En materia de infraestruturas, tamén se inclúe acelerar os traballos de conexión por tren entre Vigo e Portugal, a denominada saída sur de Vigo, e impulsar o corredor Atlántico

Benestar social

En materia social, o BNG logra incluír cinco xulgados de violencia de xénero, de tal modo que Santiago, Ourense e Lugo serán xa recollidos nos orzamentos do Estado de 2024. Tamén se está terminando de concretar os puntos para mellorar as pensións, sobre todo as máis baixas.

En definitiva, sintetizou Pontón, “estamos ante un acordo que demostra a importancia de ter unha forza política coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, a importancia de ter un voz propia sen dependencia de Madrid para darlle impulso á axenda galega”.

“Para min é motivo de orgullo porque é un orgullo traballar pola xente deste país, traballar con humildade pero sabendo que a Galiza merece un trato mellor do Estado, e no que dependa do BNG imos contribuír a que sexa posíbel, sempre poñendo por diante os intereses da Galiza”, concluíu a portavoz nacional, tras felicitar o gran traballo da delegación negociadora do Bloque integrada polo deputado Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e Rubén Cela, integrante da Executiva Nacional.

Reclamacións históricas

Pola súa parte, Rego destacou que o acordo recolle unha boa parte “das reclamacións históricas da Galiza en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias e en financiamento”, e puxo énfase nos logros sobre o autogoberno e as transferencias.

“Garantimos que calquera mudanza política ten que recoller o mesmo status político para a Galiza que os outros países que teñen constitucionalmente a condición de nacionalidade histórica”, remarcou, ao que se engade o compromiso de negociar e transferir todas as competencias pendentes, tanto as recollidas no Estatuto como as reclamadas polo Parlamento.

“A pelota en materia de competencias agora está nas mans do Partido Popular, que xa sabemos que en 14 anos non conseguiu ningunha e non o van conseguir nos meses que lle quedan. Terá que ser o BNG quen faga efectivo este compromiso”, afirmou.

Rego explicou que o acordo pon ao PP “onde lle gusta estar que é facendo partidismo no canto de defender os intereses dos e das galegas e ten que ser o BNG quen consiga que o noso país non saia discriminado”. Neste sentido, o deputado apelou aos 13 deputados e 14 senadores populares a que “se non axudan, polo menos que non entorpezan e deixen que os demais traballemos”.

Unha idea na que insistiu a senadora Carme da Silva, quen lembrou como o xefe do Executivo foi á Cámara Alta a “laiarse” en lugar de defender os intereses do país, o que contrapuxo co acordo logrado polo BNG, “que garante un trato igualitario a respecto da condonación da débeda e mesmo remata coa discriminación na ausencia de servizo de servizo de proximidade ferroviaria, un transporte estratéxico para a mobilidade do futuro”, concluíu.

Comentarios