Pontón reclama que o Pazo de Meirás volte ao dominio público "a custo cero"

"Sería unha labazada á memoria das vítimas que a familia Franco recibise algún tipo de indemnización", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha entrevista en RNE-Galiza.

ana
photo_camera Ana Pontón, durante a entrevista

O BNG oponse a que se indemnice a familia Franco nunha eventual restitución do Pazo de Meirás ao dominio público, enfatizou a líder nacionalista. "Tería que ser á inversa", dixo Pontón, quen non comparte a proposta xurídica formulada pola comisión de expertos impulsada pola Consellaría da Cultura para a reversión da propiedade ao dominio público.

Hai outro informe xurídico, o encarregado pola Deputación da Coruña, que garantiría a anulación do contrato de compra-venda que permitiu á familia Franco facerse en 1941 coa titularidade do ben. Esa vía, esclareceu Pontón, non contempla nengunha caste de compensación económica para os herdeiros do ditador.

Non só apuntou a líder nacionalista o goberno galego, senón tamén o estatal, e nese sentido remarcou que, se hai unha "axenda da memoria histórica" que pode resultar no traslado dos restos mortais de Franco do Valle dos Caídos, tamén debe contemplar a restitución dos bens "espoliados" pola ditadura, e entre eles o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo.

Comentarios