Pontón proporá catro acordos de país para "mellorar a vida da xente"

Bará asegura que farán oposición "útil e construtiva"
Luís Bará, deputado do BNG, onte, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, deputado do BNG, onte, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proporá esta quinta feira no debate de investidura no Parlamento da Galiza "catro grandes acordos de país" ao redor da sanidade, vivenda, enerxía e calidade democrática, en liña coa oposición “útil e construtiva” que exercerán os deputados e as deputadas nacionalistas, combinando o labor de control ao Goberno galego e a crítica coa presentación de propostas pensadas para mellorar a vida da xente.

O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará avanzou esta cuarta feira as grandes propostas de acordo que Pontón defenderá na segunda sesión do debate de investidura, que decorrerá na quinta feira na Cámara galega, acordos para os que o BNG “ten a man tendida” sempre e cando o candidato do PP, Alfonso Rueda, "decida exercer como presidente de Galiza, gobernando para todos os galegos e todas as galegas e non só para unha parte, tal e como fixo até o de agora".  

Fronte a un Rueda que “na práctica alimenta a confrontación partidista e a crispación política”, Pontón exporá a alternativa do BNG como “exemplo de política útil, construtiva e propositiva”, nun discurso no que haberá “crítica contundente e firme” pero tamén propostas en positivo “pensando en todos os galegos e galegas e non no case medio millón que votaron ao BNG”, incidiu Bará.

O primeiro acordo de país servirá para blindar por lei o financiamento da Atención Primaria até chegar a 25% do total do orzamento destinado á sanidade, tal e como recomenda a OMS. En materia de vivenda, a líder nacionalista ofertará outro "gran pacto" para a compra masiva de pisos baleiros coa fin de pólos no mercado a prezos asumíbeis, garantindo un “dereito fundamental” aos galegos e ás galegas, especialmente á mocidade, "que agora ten que destinar até o 40% do seu salario a pagar a vivenda", precisou Bará.  

"Desenchufarse" das eléctricas

O BNG proporá tamén un acordo de país para avanzar cara a un novo modelo enerxético “que pasa por desenchufarse das grandes eléctricas para conectarse cos intereses do país". Esta proposta suporía acabar co “modelo depredador” do PP e contempla dúas medidas concretas: a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía, e a creación dunha tarifa eléctrica galega. 

O pacto por unha democracia de calidade será o cuarto dos que proporá Ana Pontón no debate de investidura e inclúe uns medios públicos “plurais e ao servizo de todos e todas”, e cambios no funcionamento do Parlamento galego buscando conseguir "máis transparencia" no seo desta institución.

 

Comentarios