Parlamento

Sanidade, emprego ou economía, chaves no debate de investidura dun Rueda que promete gobernar "para todos os galegos"

BNG e PSdeG votarán 'non' ao presidente en funcións mentres DO mantén a incógnita.
O presidente Alfonso Rueda camiñando polos corredores de San Caetano a pasada quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda camiñando polos corredores de San Caetano a pasada quinta feira. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda sométese esta terza feira, a partir das 9.30 horas, ao seu segundo debate de investidura tras acceder ao poder, logo da renuncia de Alberto Núñez Feixoo, na primavera de 2022. Nesta primeira sesión, porén, non intervirá a representación dos diferentes grupos parlamentarios, pois será unicamente o candidato á Presidencia quen teña voz no hemiciclo. Rueda prevé non estenderse "moito", aínda que non terá límite de tempo, e afirma que se centrará na súa intervención en "ideas principais" como dirixirse a "todos os galegos".

O presidente en funcións insistiu esta segunda feira en declaracións aos medios, precisamente, en que falará non só a quen depositaron a papeleta do PP nas urnas o pasado 18 de febreiro, senón a quen "votaron por outras opcións ou non votaron pero que tamén demandan ser gobernados con obxectividade e que se resolvan os seus problemas". E falou, neste sentido, de cuestións que "preocupan aos galegos" como sanidade, educación, servizos sociais, industria, emprego ou progreso económico.

Rueda abordará estes temas botando man das 'receitas' das que se gabou en campaña: "Sentidiño, obxectividade e non perder o tempo en discusións que moitas veces non levan a ningures". De feito, prometeu "tender a man" á oposición e alcanzar grandes pactos sobre temas "fundamentais" aos que entende que BNG e PSdeG poderían sumarse.

BNG e PSdeG opóñense; o voto de DO, aínda no ar

A principal forza da oposición, o BNG, xa avanzara en días pasados o seu 'non' á investidura de Rueda por representar "as políticas que deixan unha Galiza en retroceso". A deputada e viceportavoz, Olalla Rodil, cuestionou a "submisión" do candidato popular a Madrid, aludindo ao adiamento da sesión —presuntamente— pola voda do alcalde madrileño, José Luis Martínez-Almeida, e á ausencia de Rueda á rolda de consultas no Parlamento, "por primeira vez en 40 anos", porque "preferiu estar nunha reunión do PP en Xénova".

Rodil lamentou o "retroceso" da Galiza en ámbitos como a sanidade pública, a ciencia ou a investigación, "que debera ser panca e motor de desenvolvemento económico no noso país", así como na industria, "coa destrución de 40.000 empregos en 14 anos". Tamén o acusou de "pór a alfombra vermella" a "un puñado de empresas para rapinar os recursos naturais das galegas e galegos", exemplificando isto nos casos "das eléctricas ou Altri", e tamén censurou a "privatización de servizos" e que se destinen fondos públicos "a contratos a dedo", aludindo a Eulen.

Tampouco apoiará a investidura o Partido Socialista, cuxo portavoz na Cámara, José Ramón Gómez Besteiro, exixiu esta segunda feira a Rueda "impulso político, transparencia e blindaxe dos servizos públicos", cuestión esta última que centrará a súa actividade desde a oposición.

"As nosas preocupacións están dirixidas aos veciños da Galiza, que teñen que esperar máis de 15 días para a cita médica, 362 para resolver o expediente da Dependencia —o dobre do prazo legal— teñen moitas dificultades para acceder á vivenda", dixo, augurando tamén unha oposición "construtiva, rigorosa e firme" coa "man tendida para chegar a acordos de país" e con "responsabilidade e seriedade para dicir á xente non só o que quere ouvir".

O voto do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, é aínda unha incógnita. "Imos manter un pouco a tensión", dixo a pasada semana durante a rolda de contactos co presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Comentarios