18-F

Pontón pregúntase a que "ten medo" Rueda para non ir ao debate a tres de RTVE: "O debate é democracia"

"Quizais o problema é que non ten programa, nin ilusión, nin ideas e, por tanto, prefire esconderse", di a candidata do BNG.
Ana Pontón, hoxe, na Illa de Arousa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, na Illa de Arousa. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, avisou esta cuarta feira o candidato popular e actual presidente, Alfonso Rueda, de que os debates electorais son "un dereito" da cidadanía que ela vai "respectar", e preguntouse a que "ten medo" o PP, logo de que a formación anunciase que non enviará ninguén ao debate organizado por RTVE. "O debate é democracia", insistiu.

"Falei moito de debates porque estou convencida de que son fundamentais. Creo que a xente agradece ver as persoas que piden confianza, debatendo e contrastando ideas", manifestou, en declaracións aos medios, preguntada hoxe pola ausencia dos populares do seguinte debate. Rueda, de feito, xa se ausentara do primeiro organizado pola Cadena SER, ao que o PP enviou o seu portavoz parlamentario e número 6 por Pontevedra, Alberto Pazos.

Ana Pontón observou que "é evidente que o PP non quere ese contraste de ideas". "Sorpréndeme que alguén que quere presentarse a dirixir este país deixe baleira a súa cadeira nun debate no que pode contrastar o programa", expresou.

A líder nacionalista concluíu que, quizais, o "problema" que ten é que "non ten programa, nin ilusión, nin ideas e, por tanto, prefire esconderse". "Non entendo como pode presentarse a unhas eleccións, a nosa obriga é responder ás diferentes demandas para que a cidadanía estea informada", apuntou.

Na súa resposta, incidiu en que "o debate é democracia" e por iso retou Rueda a que "rectifique" e acuda non só ao debate da TVE, senón a que "se deixe de escusas e teña un cara a cara" con ela. "A cidadanía xa elixiu quen ten que protagonizalo, fíxoo nas pasadas eleccións situando ao BNG como primeira forza da oposición", avisou, en resposta a que o PP di aos grupos da esquerda que elixan "con quen" facer o cara a cara cos populares.

Pontón preguntouse por que "non dá a cara" e a que "ten medo". "Un candidato que se esconde é un candidato que non está á altura deste país", afirmou, antes de confirmar a súa presenza nese debate de TVE, porque é "un dereito" dos cidadáns e ela vai "respectar" as persoas.

Comentarios