18-F | Vídeo

O ex presidente uruguaio Pepe Mujica chama a apoiar o BNG: "O devir político da Galiza é parte do noso propio acontecer"

"Pedímoslle a toda a xente afín que apoie con calor, non só co voto, senón co corazón, este desafío que ten Galiza", di o ex mandatario.
O ex presidente do Uruguai Pepe Mujica.
photo_camera O ex presidente do Uruguai Pepe Mujica.

José Alberto Pepe Mujica, presidente da República do Uruguai entre 2010 e 2015, chama as galegas e galegos, tanto residentes na propia Galiza como no exterior, a votar pola candidatura do BNG nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro. Así vén de manifestalo nun vídeo compartido esta sexta feira pola formación nacionalista.

"A sorte da Galiza, para quen vivimos no río da Prata, non é un problema secundario. Demasiado sangue galego corre nas nosas veas, na formación das nosas nacionalidades, aos que nos toca vivir ás beiras do río da Prata", afirma Mujica.

É por iso que o ex presidente uruguaio reitera que "o devir político" do noso país é tamén "parte" do propio acontecer das e dos seus compatriotas, moitos deles con ascendencia galega.

 

"Como tal, o 18 de febreiro hai eleccións importantes na Galiza", continúa. "E como tal, pedímoslle aos galegos puros e aos descendentes de galegos que poden votar, alá e acá, apoiar o Bloque Nacionalista Galego, para tratar de sacar unha muller, Ana Pontón, para que encabece o novo goberno da Galiza", apunta.

"Sentímonos irmandados co BNG e obviamente sentímonos parentes próximos. E como tal, pedímoslle a toda a xente afín que apoie con calor, non só co voto, senón co corazón, este desafío que ten Galiza. Até sempre e un abrazo", conclúe, a modo de despedida.

Comentarios