martes 28/09/21

Pontón chama a mocidade a ser o motor de cambio da Galiza e a impulsar a primeira Presidencia do BNG

A líder do Bloque clausurou a XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova en Pontevedra, onde reivindicou a esperanza fronte á "desfeita do PP" e se comprometeu a "deixar a pel" para que mozos e mozas non sexan as que paguen os pratos rotos da crise.

Ana Pontón na clausura da XVI Asamblea de Galiza Nova.
Ana Pontón na clausura da XVI Asamblea de Galiza Nova.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lanzou á mocidade unha mensaxe de "esperanza fronte á desfeita que nos deixa o PP na Galiza" e asegurou que o Bloque "vai deixar a pel para que non sexan os mozos e as mozas quen paguen os pratos rotos da crise económica desta pandemia". 

Pontón reuniuse en Pontevedra coas persoas participantes na XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova, unha xuntanza na que a organización xuvenil do BNG se parou a debater as principais liñas de actuación da formación de cara aos próximos dous anos baixo o lema 'Organización e loita. O futuro da Galiza'.

Cunha vocación máis comprometida coa xente moza, coa defensa dos servizos públicos, dende unha perspectiva feminista e ecoloxista, contra o espolio dos recursos da Galiza e a prol da "loita pola soberanía e a autodeteminación dos pobos", a fromación renovou a súa directiva e elixiu a militante Marta Gómez como nova secretarai nacional.

Mortor do cambio

A voceira nacional asegurou que "estamos nun novo ciclo para o BNG que en gran medida foi impulsado pola xente nova", polo que animou á mocidade a "seguir traballando para ser o motor que faga posíbel que Galiza teña por primeira vez na historia unha Presidencia do BNG".

Neste sentido, Ana Pontón comprometeuse a traballar cada día para que a recuperación chegue á mocidade "sabendo que non se trata de volver á vella normalidade, que era sinónimo de precariedade e emigración para a xente nova, senón de construír unha nova Galiza".

A este respecto, advertiu que "temos que conseguir que os famosos fondos Next Generation non enchan os petos das eléctricas e das multinacionais como pretende Feixoo, senón que se usen para evitar que unha nova xeración de galegas teña que emigrar".

As políticas de Feixoo, "parte do problema"

Pontón, quen fixo un chamamento a mozos e mozas a sumarse ao BNG, "o máis inconformista", considerou preciso abrir "este novo ciclo no país que xere esperanza e confianza de futuro" fronte ás políticas de Núñez Feixoo, que son máis "parte do problema" que da "solución", dixo.
 
"Un Feixoo que di que non existe emigración xuvenil, que nesta pandemia intentou culpar aos mozos e mozas dos contaxios para intentar tapar a súa incompetencia e que apoia a contrarreforma laboral que precarizou o emprego", esa que o Goberno ‘progresista’ de PSOE e Podemos non derroga, igual que a lei mordaza.

Segundo recalcou a portavoz nacionalista, o Goberno do PP "non é capaz de darlle un futuro digno" á xente nova, esa "á que Feixoo lle está roubando o futuro", a que se vai converter en "motor do cambio dentro de tres anos na Galiza", afirmou "convencida".

Tras agradecer o traballo desenvolvido por Galiza Nova, Pontón asegurou que os mozos e as mozas galegas "non son o futuro, senón o presente" do país e recalcou que "teñen as portas abertas do BNG" para abrir, coa primeira Presidencia nacionalista da historia, "unha nova etapa de progreso, democracia e avance para Galiza", concluíu. 

comentarios