Galiza Nova chama a mocidade a participar na súa XVI Asemblea Nacional

A xuntanza da organización xuvenil do BNG terá lugar este sábado, 11 de setembro, en Pontevedra.
Pontevedra acolle a XVI Asemblea Nacional de 
Galiza Nova.
photo_camera Pontevedra acolle a XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova.

"Organización e loita. O futuro da Galiza". É o lema escollido por Galiza Nova para a súa XVI Asemblea Nacional, que decorrerá este sábado, 11 de setembro, na cidade de Pontevedra.

A organización xuvenil do BNG chama a súa militancia a se sumar á convocatoria, "con vontade de renovar esforzos e marcar a liña de actuación para os próximos dous anos".

A asemblea de Galiza Nova terá lugar no Pazo da Cultura, onde a organización comarcal de Pontevedra exercerá de anfitrioa.

Sensibilidade polo país 

Xoán Antelo, responsábel do colectivo local, asegura que a cita servirá non só para renovar a dirección nacional, "senón tamén o noso compromiso coa mocidade, que ve como as súas condicións de vida se precarizan máis ante a crise económica e sanitaria".

Neste contexto, recalcou, "a mocidade ten que dar unha resposta contudente e as súas demandas non se poden pasar por alto".

Antelo reivindicou o carácter feminista da organización xuvenil do BNG, "apoiando e participando nas loitas do colectivo LGTB", mais tamén o espírito "fondamente ecoloxista" de Galiza Nova, que busca sumar máis xente á súa "loita pola soberanía e a autodeteminación dos pobos", pero sobre todo, á mobilización social que ten lugar nas rúas, para a defensa "dunha sanidade e educación públicas e de calidade" mais contra o "espolio" dos recursos da Galiza.

Comentarios