Análise

Onde están os fondos Next Generation?

A Xunta mantén a opacidade sobre a xestión dos cartos que deberían chegar de Europa para a recuperación económica.
De costas, Feixoo, presentando a candidatura galega ao programa Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza) #feixoo #nextgeneration #fondos #europa #recuperación #pandemia
photo_camera De costas, Feixoo, presentando a candidatura galega ao programa Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza)

A opacidade manda na xestión dos fondos Next Generation. En primeiro termo descoñécense os contidos reais do acordo entre o Estado español e a Comisión Europea, así como os recortes en materia social aos que está condicionado o programa de axuda comunitaria. En segundo lugar, non hai información precisa sobre os criterios de reparto dos mesmos polo Goberno español, o grao de descentralización na definición e xestión dos proxectos e a participación dos Executivos autonómicos no proceso. Por último, a denominada candidatura galega ás axudas Next Generation mantén boas doses de segredo, carecéndose de datos concretos sobre as propostas reais da Xunta e sendo cada día maiores as dúbidas sobre as súas posibilidades. 

A candidatura galega para o programa Next Generation está formada por 354 proxectos, cun investimento total de 19.698 millóns de euros. A proposta recolle 107 iniciativas impulsadas desde os operadores privados e 247 promovidas desde a Xunta da Galiza.

A maiores dos proxectos integrados dentro do programa avalado polo Goberno galego, atópanse toda unha serie de actuacións propostas polas grandes compañías do IBEX para desenvolver na Galiza e que van ser presentadas directamente ao Executivo estatal. Porén, o Executivo de Feixoo négase a pórlles nome propio ás empresas promotoras de cada un dos proxectos, algunhas delas moi próximas ao círculo real de poder da Galiza. 

Que cogobernanza?

O Goberno galego ten dúbidas sobre as posibilidades dos seus proxectos. Así, xa a finais de marzo, o presidente galego expresou a súa “intranquilidade” por “como se desenvolven as cousas”, en referencia á xestión dos fondos por parte do Goberno do Estado. “Pedimos cogobernanza e queremos participar na xestión dos fondos”, afirmou Feixoo, quen esixiu ao Executivo do Estado “transparencia e certezas” e “unha cogobernanza real para que as comunidades poidan ter unha participación máis activa”. Precisamente en relación coa cogobernanza, un dos conceptos máis recorrentes desde o comezo da pandemia, un dirixente empresarial galego non dúbida en sinalar que “a cogobernanza comeza e remata no Consello de Ministros, quen terá a última palabra para decidir que proxectos van ou non adiante”.

O equipo de Sánchez garda mutismo mentres afina cos grandes poderes económicos as principais liñas da actuación. Malia que a marxe de manobra do Executivo español é relativa, ao estar unha boa parte dos fondos suxeitos ás orientacións da Comisión Europea, semella evidente que non está disposto a dar xogo ás comunidades autónomas e avanza nunha xestión centralizada, aspecto denunciado desde os Gobernos de Catalunya e de Euskadi. Esta fórmula é tamén a preferida polas grandes corporacións españolas, na súa práctica totalidade contan con sede social e fiscal en Madrid, convencidas de que uns proxectos dirixidos e xestionados desde a capital do Estado privilexia os seus intereses.

Unha parte dos economistas progresistas cualifican as axudas Next Generation como o segundo gran rescate ao sector privado en dúas décadas. Se a reacción dos Gobernos á crise de 2008 foi concretada en inxeccións de diñeiro ao sector bancario, a resposta á emerxencia económica provocada pola pandemia toma forma de axudas públicas masivas aos grandes grupos empresariais privados.

Nesta liña, o economista grego Costas Lapavitsas ten sinalado que “os plans de estímulo masivo aprobados pola Reserva Federal dos Estados Unidos ou polo Consello Europeo mediante o programa Next Generation son a forma que toma hoxe a axenda neoliberal para garantir as ganancias do capital”.
 

Comentarios