Ana Pontón (BNG), portavoz nacional e portavoz no parlamento

Ana Pontón: "Ou ensanchamos a base social ou calquera avance vai ter pés de barro"

Desde que anunciou que abría un período de reflexión, Ana Pontón (Sarria, 1977) recibiu centos de mensaxes para que continúe á fronte do BNG. Agradece o cariño recibido, e apela a "dotar de racionalidade esa afectividade". Ten claro o obxectivo da súa meditación: conseguir para o BNG a Presidencia da Xunta da Galiza.
Ana Pontón, no seu despacho no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, no seu despacho no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

-Hai unha semana fixo pública a súa intención de abrir un período reflexión persoal sobre o seu futuro político. Que avanzou nestes últimos días?

As reflexións necesitan tempo e esta é unha decisión responsábel. Cando hai cinco anos me dixeron que apostaban por que eu puidese ser a portavoz do BNG, tomei moito tempo para pensar se dar ese paso ou non. Na vida non hai que actuar por impulso, senón valorando profundamente os pros, os contras e se realmente somos as persoas adecuadas para poder levar adiante esas responsabilidades. O BNG tamén ten que reflexionar sobre como ir cara a ese obxectivo de conseguir a Presidencia da Xunta dentro de tres anos. É lóxico levar adiante ese proceso de reflexión para ver se eu son a persoa adecuada para esta finalidade tan ambiciosa, que é colectiva e fundamental para o país. A reflexión é un elemento necesario para poder acertar nos retos que temos por diante. Non podemos seguir cun Goberno que está estragando a sanidade pública e deteriorando a nosa base produtiva, que non dá respostas a temas tan importantes como a suba da luz, nun país que produce electricidade a esgalla. 

-Sinalou nunha das últimas comparecencias que o principal reto do BNG é ensanchar a súa base social. Como se logra?

Ou ensanchamos a nosa base social ou calquera avance no plano electoral vai ter sempre os pés de barro e isto require que fagamos un esforzo para achegar máis persoas ao BNG, por ter unha interlocución máis ampla coa sociedade e por dar a coñecer cales son as nosas alternativas. Hai miles de galegos e galegas mirando cara a nós, que confiaron no BNG como a mellor opción para liderar este país e temos que facer un esforzo por que moitas desas persoas que comparten o proxecto que temos para a Galiza dean o paso de incorporarse á organización. Iso require achegarse a elas e xerar unha dinámica de participación e de implicación práctica.

-Unha das cuestións ás que se ten referido é á necesidade de que o BNG manteña sen alteración os seus principios ideolóxicos e políticos. 

A razón de ser do BNG é a defensa da Galiza, ser unha organización que teña os seus centros de decisión aquí e que represente un proxecto sen ataduras.

Todo iso é esencial para poder seguir avanzando. A Galiza necesita un Goberno que teña as mans libres para poder defender a súa economía, os servizos públicos, un novo modelo de financiamento... é dicir, a capacidade de decisión desde aquí. Unha organización política sen principios é como unha casca baleira. O que temos que ver é como actuamos nun marco e nun contexto moi diferente. 

Hai un novo ciclo político para o BNG, que se abre nas pasadas eleccións, e no que esta asemblea nacional é unha parte moi importante. Ao longo destes cinco anos, fomos quen de responder aos retos que tiña o nacionalismo. Estabamos falando de pasar dun momento de resistencia á reorganización que eclosionou nas eleccións de 2020, cun salto espectacular do BNG. Neste ciclo, temos que reflexionar sobre os retos, como os conseguimos e non actuar desde a pasividade nin a inercia. Temos que pensar como somos máis útiles para a Galiza.

-A asemblea nacional é tamén unha posta a punto para enfrontar os procesos electorais de 2023 e de 2024. Que obxectivos se marca?

Os obxectivos teñen que marcarse colectivamente. Estamos traballando en como fortalecer o BNG para conseguir o apoio de máis galegos e galegas e ter unha base sólida para que, por primeira vez, teñamos o nacionalismo na Presidencia da Xunta. Isto é un reto de primeira magnitude. O BNG é a alternativa real ao PP. Estamos nun momento histórico,  non podemos repetir os erros do pasado e temos que facer unha reflexión a fondo. 

Esta Asemblea é transcendental e non pode abordarse desde a rutina. Estamos nun novo ciclo, con novos retos, e o BNG ten que prepararse cunha organización máis forte, cun maior coñecemento sobre o país e con alternativas ben estudadas e viábeis. Levamos demasiados anos cun Goberno que nos está levando a unha calexa sen saída e a Galiza merécese que o BNG faga todo o que estea na súa man para chegar á Presidencia de Xunta e frear a desfeita do PP. 

Temos que estar á altura do que moitos galegos e galegas queren: un proxecto de país ambicioso, para que a Galiza teña futuro, xogue outro papel no Estado, recuperar a nosa lingua e os sinais de identidade...

-Que considera fundamental da asemblea nacional e dos textos a discusión?

A reflexión sobre este novo tempo político, como ensanchamos a base social e como preparamos a organización para dar resposta á expectativa que se abriu na sociedade para que o nacionalismo poida liderar o país. Iso require reflexionar sobre como imos traballar e sobre como imos priorizar ese traballo, que ten que ser dunha crítica contundente ao PP, pero tamén de presentación dunha alternativa sólida, críbel e que vaia aglutinando máis persoas.

Comentarios