Día da Patria

Pontón apela a demostrar a forza do nacionalismo cunha manifestación masiva o 25X

O BNG segue a quecer motores de cara ao Día da Patria. Na mañá do sábado, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a “todas as persoas que sintan Galiza” a acudir á manifestación do 25 de xullo en Compostela para “demostrar a forza do nacionalismo, imprescindíbel para derrotar o PP”.

Ana Pontón, na sede do Bloque Nacionalista Galego. Foto: Irene Pin
photo_camera Ana Pontón, na sede do Bloque Nacionalista Galego. Foto: Irene Pin

Nun roteiro literario organizado polo BNG de Monforte para homenaxear Manuel María, Ana Pontón enxalzou a importancia do Día da Patria, que este ano cobra unha relevancia especial ao coincidir en vésperas das eleccións galegas. “Imos demostrar a forza do nacionalismo cunha manifestación masiva o vindeiro 25 de xullo, unha manifestación aberta, reivindicativa e plural, na que enchamos as rúas da capital de Galiza reivindicando os nosos dereitos como pobo e o noso dereito a un futuro mellor”, apuntou a nacionalista. Engadiu que ese futuro chegará da man da derrota do PP nas urnas.

O obxectivo do Bloque para as eleccións non é outro que o de “sumar para pasar a páxina de sete anos do peor presidente da historia de Galiza, que deixa o país en liquidación, en situación de emerxencia social e nacional, con máis desigualdade, precariedade e pobreza”, en palabras da portavoz nacional do BNG.

O BNG, a alternativa nacionalista

Ana Pontón, que aludiu ás galegas e galegos desesperanzados polo país que deixa o PP, erixiu o Bloque como “a única alternativa nacionalista que se presente ante o electorado nos comicios galegos”. “O único proxecto político que ten a cabeza e o corazón neste país, que non recibe ordes desde Madrid, nin desde Génova, Ferraz ou a Complutense”, engadiu, salientando o carácter nacionalista da formación.

Aliás, o BNG tamén anunciou en comunicado de imprensa que as candidaturas ás eleccións galegas ficarán definitivamente aprobadas no Consello Nacional que terá lugar o próximo sábado, 23 de xullo, após as asembleas comarcais nas que as bases debuxaron as súas propostas.

Comentarios