Ponteareas rendeu homenaxe ao seu alcalde Xosé Represas

“Represas foi o mellor alcalde de Ponteareas, próximo dialogante, leal e deixou pegada no concello que tanto quería”, proclamou Ana Pontón sobre o rexedor nacionalista, falecido en maior deste ano.
Retrato de Xosé Represas na homenaxe en Ponteareas
photo_camera Retrato de Xosé Represas na homenaxe en Ponteareas

Un emotivo acto rendeu homenaxe ao nacionalista Xosé Represas, alcalde de Ponteareas que finou o pasado 21 de maio. No evento participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresando todo o seu recoñecemento no político e todo o seu agarimo no persoal. A líder nacionalista definiu Represas como “un galego de nación” que empezou a construír o país que soñaba desde a súa localidade natal.

“Síntome moi afortunada de ter coñecido Xosé Represas porque sempre foi unha persoa moi próxima e atenta que demostrou o verdadeiro significado da política porque era un galego de nación que levaba o seu país no corazón”, destacou, “e demostrou ao longo dos seus anos á fronte do Concello a súa capacidade para xerar unha institución máis democrática, máis apegada á veciñanza e que daba solucións aos problemas do día a día. Pensou unha Ponteareas dentro dunha Galiza onde teñamos máis futuro”, salientou Pontón.

No acto, organizado polo BNG de Ponteareas e que congregou centos de veciñas e veciños e parlamentares como Luís Bará ou Ana Miranda, Pontón considerou que ese “pensar o país” desde o seu lugar máis achegado “é unha das ensinanzas que nos deixa Represas, un galego de nación que construíu ese país que soñamos empezando polo que tiña máis perto: Ponteareas”, destacou.

A líder nacionalista aproveitou o acto para trasladar o seu apoio e afecto á familia e ás amizadas de Represas, así como aos seus compañeiros e compañeiras do Bloque que traballaron máis estreitamente co alcalde. Un cariño que trasladou a toda a veciñanza de Ponteareas que o despediu con máximo recoñecemento a quen definiu como “o mellor alcalde que tivo nunca Ponteareas, un home leal, dialogante e próximo que deixou pegada para sempre neste concello que tanto quería”.

Unha vila coa que sempre tivo un compromiso firme, desde o seu activismo en iniciativas como a Comunidade de Montes de Xinzo, o Centro Cultural ou a Asociación Forestal de Galiza, desde onde mostrou a súa implicación na construción dun mundo mellor, cun traballo xeneroso, co ben común como único obxectivo. A súa forma de exercer a política explica o seu contacto directo coa veciñanza, cunha aposta clara pola participación inclusiva da cidadanía.

“Nunha das mensaxes que dirixía á veciñanza, Xosé Represas confesaba que o seu compromiso era facer de Ponteareas o noso fogar e que, para iso precisaba de todas as mans, de todos os corazóns, para pensar sobre as obras, os investimentos, as infraestruturas, para debuxar o concello co que soñaba. Ese é o seu legado, a herdanza que recolleu a alcaldesa Cristina Fernández e o seu equipo e que, non teño dúbida, será a feliz folla de ruta que nos deixa Pepe”, concluíu Pontón.

Xosé Represas Giráldez, natural da parroquia de Xinzo, era Diplomado en Empresariais pola Universidade de Vigo e traballou durante décadas nunha entidade financeira en Ponteareas. Foi membro da Corporación Municipal nos anos 1999 e 2000. Posteriormente, no ano 2007, accedeu novamente á Corporación, sendo concelleiro até a súa recente renuncia por motivos de saúde. En 2015 asumiu a alcaldía da localidade, que revalidou nas eleccións municipais 2019. Foi directivo da Comunidade de Montes de Xinzo e do seu Centro Cultural. Ocupou ademais o cargo de Presidente da Asociación Forestal de Galicia.

Comentarios