Consternación pola morte de Xosé Represas, ex alcalde nacionalista de Ponteareas

O Concello decreta tres días de loito oficial. 

Xosé Represas
photo_camera Xosé Represas

“Foi un orgullo ser alcalde de Ponteareas”. Así se despedía Xosé Represas hai unhas semanas da alcaldía desta localidade da comarca do Condado, un adeus para se centrar no combate á enfermidade. Represas finou esta madrugada.

Represas chegou á alcaldía nas municipais de 2015 e e en 2019 revalidou o cargo, sendo a lista que encabezaba, BNG, a máis votada e a primeira vez que o nacionalismo era a opción con máis votos nesta localidade.

Desde a súa saída do concello, a Alcaldía de Ponteareas ocúpaa a tamén nacionalista Cristina Fernández Davila, tenente de alcalde con Represas e a súa substituta, primeiro en funcións e, desde finais de abril, para todos os efectos após a renuncia do ex alcalde. 

As 14 horas desta segunda feira realizarase un Pleno extraordinario urxente para decretar tres días de loito oficial.  “Represas foi unha persoa entrañábel, querida e apreciada por toda a veciñanza, por enriba das ideoloxías”, sinalan dende o Concello nun comunicado.

Xosé Represas Giráldez, natural da parroquia de Xinzo, era Diplomado en Empresariais pola Universidade de Vigo e traballou durante décadas nunha entidade financeira en Ponteareas. Foi membro da Corporación Municipal nos anos 1999 e 2000. Posteriormente, no ano 2007, accedeu novamente á Corporación, sendo concelleiro até a súa recente renuncia por motivos de saúde. En 2015 asumiu a alcaldía da localidade, que revalidou nas eleccións municipais 2019. Foi directivo da Comunidade de Montes de Xinzo e do seu Centro Cultural. Ocupou ademais o cargo de Presidente da Asociación Forestal de Galicia.

A noticia causou un gran pesdar en Ponteareas e na comarca. A portavoz do BNG, Ana Pontón, escibriu nas redes sociais: "Vaise Xosé Represas e deixa un enorme baleiro en todas e todos nós. Foi unha gran persoa: xenerosa, honrada e traballadora, comprometida con Pontereas e con Galiza no corazón. Un abrazo a familia, amizades e á militancia do BNG de Ponteareas. Que a terra che sexa leve compañeiro".

Tamén Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, expresou a súa tristura: "Tristura polo pasamento de Xosé Represas, quen ata hai poucos días foi alcalde de Ponteareas. Na miña última visita ao concello recordamos como nos coñeceramos hai 25 anos e trasladeille todo o meu afecto e moito ánimo. Síntoo moito. Unha aperta á familia".
 

Comentarios