18-F

Podemos ficaría fóra do Parlamento, segundo o CIS, mais advirte: "A única enquisa da que nos fiamos son as urnas"

A formación morada mantivo esta quinta feira xuntanzas co colectivo Os Ninguéns e coa plataforma Tren Media Distancia

Carmen Berzosa e Isabel Faraldo, esta quinta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carmen Berzosa e Isabel Faraldo, esta quinta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A preguntas das xornalistas a respecto da enquisa do CIS que viu a luz esta quinta feira, a candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, respondeu que “a única enquisa da que nos fiamos son as urnas”, afirmando que están “traballando con intensidade”, “convencidas de que as galegas e os galegos van recibir ben este proxecto”.

Segundo a enquisa do CIS, que mostra un PP a piques de perder a maioría absoluta, Podemos non tería opcións de obter representación parlamentaria, con 0,4% de estimación de voto.

Non obstante, a pesar deste dato, para Faraldo “o PP visibilizou a súa xestión como unha fraude” e a candidata afirmou que “o voto máis útil” é o que se realiza “defendendo as túas ideas”.

Xuntanzas en Vigo

Isabel Faraldo e a cabeza de lista e Podemos pola circunscrición de Pontevedra, Carmen Berzosa, reuníronse onte en Vigo con Os Ninguéns, “asociación que leva moitos anos loitando contra a pobreza”, unha loita que é “unha das cuestións principais para coidar e coidarnos entre todas”, dixo Faraldo.

Por outra banda, a candidatura morada tamén mantivo outra xuntanza posterior coa plataforma Tren Media Distancia, agrupación que “defende os dereitos das viaxeiras e dos viaxeiros en tren”. Faraldo defendeu a necesidade de “reestruturación” dos servizos ferroviarios.

A candidata afirmou que “é o transporte do futuro en canto a viabilidade e a sustentabilidade”, e defendeu “unha forte aposta polo tren”.

Comentarios