Podemos insta á recuperación da Casa Cornide, en mans dos Franco

“Non imos parar até que a Casa Cornide volva para os galegos e as galegas como vimos co Pazo de Meirás”, sinalou o deputado de UP Antón Gómez Reino.
Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña).
photo_camera Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña)

Unidas Podemos (UP) vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso sobre a recuperación para o patrimonio público da Casa Cornide, actualmente en mans da Familia Franco.

A formación explica que rexistra esta iniciativa após a "resposta do Goberno español na que informaba que non se iniciaron os expedientes de recuperación patrimonial do inmóbel". 

O deputado de UP Antón Goméz Reino afirmou que “lemos con total sorpresa e estupefacción esta noticia do Ministerio de Facenda".

"Os Franco seguen sendo donos da Casa Cornide e non vemos moito ímpeto do Concello da Coruña por presionar para recuperar a súa debida titularidade pública”, lamentou Gómez Reino.

Batería de preguntas

En concreto, o grupo parlamentario de Unidas Podemos rexistrou unha batería de preguntas para o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

O obxectivo da moción é coñecer, "no marco das súas competencias", as actuacións e medidas que ten previsto realizar "para dar cumprimento á PNL relativa á recuperación da Casa Cornide", presentada por UP e aprobada "fai xa máis dun ano". 

“Non imos parar até que a Casa Cornide volva para os galegos e as galegas como vimos co Pazo de Meirás”, sinalou Gómez Reino.

“A historia xurídico-patrimonial da Casa Cornide é gravísima, cunha presunta ilegalidade nos procesos de permuta, poxa pública e venda. É unha vergoña, unha inxustiza para a sociedade galega e non imos quedarnos cos brazos cruzados”, concluíu o deputado.

Comentarios