O Goberno descarta iniciar xestións para desposuír os Franco da Casa Cornide

Segundo xustificou ante o deputado de Galicia En Común no Congreso, Antón Gómez Reino, Patrimonio non ten constancia de que o inmóbel sexa titularidade do Estado.
Xente ás portas da casa ubicada na Cidade Vella coruñesa. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #memoriaehistoria #franquismo #meirás #casacornide #franco #coruña
photo_camera Xente ás portas da casa ubicada na Cidade Vella coruñesa. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O Goberno do Estado non prevé iniciar xestións para desposuír aos herdeiros do ditador Francisco Franco da Casa Cornide, situada na cidade vella da Coruña, dado que non ten constancia de que esa propiedade poida ser de titularidade estatal.

Así llo comunicou o Executivo ao deputado de Galicia En Común no Congreso, Antón Gómez Reino, quen se interesou polo cumprimento dunha proposición non de lei coa que o Congreso evidenciou o seu apoio á intención do concello coruñés de recuperar esa propiedade para o patrimonio público.

Non constan indicios de que a casa Cornide poida ser de titularidade estatal

Foi o 11 de marzo de 2021 cando a Comisión Constitucional do Congreso aprobou, co voto en contra de Vox e a abstención de Ciudadanos, ese texto do propio Gómez Reino que instaba o Goberno a "apoiar as iniciativas" tomadas polo Concello da Coruña.

Gómez Reino preguntou ao Executivo se avanzara algo nese mandato e se tiña previsto comparecer nas causas xudiciais "abertas ou por abrir" a iniciativa do consistorio con obxecto de recuperar a casa para patrimonio público.

Non é de titularidade estatal

Na súa resposta, o Goberno detalla que na Dirección Xeral do Patrimonio do Estado, dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública, "non constan indicios" de que a casa Cornide "poida ser de titularidade estatal".

Por iso, explica que, "en principio", non "se considerou pertinente iniciar un expediente de investigación ou recuperación patrimonial pola Administración Xeral do Estado".

Ben de Interese Cultural

Desde hai tempo o Concello da Coruña segue unha ampla folla de ruta para "recuperar o edificio espoliado". Un paso máis cara a este obxectivo tivo lugar hai xusto un ano. En xuño de 2021 incoouse o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, unha consideración que o Goberno local ve coma un avance na procura da devolución do inmoble á cidadanía.

A figura de protección aprobouse en maio do ano pasado pero co inicio dos trámites burocráticos oficializouse a mudanza no nivel de protección do inmóbel coa intención de que os Franco non poidan chegar a vendelo como querían.

Pasar a ser BIC -aínda que falte a resolución global do proceso- implica a aplicación das proteccións que recolle a Lei de Patrimonio Cultural da Galiza.

Ademais, cando a Xunta deu o paso, a rexedora da Coruña, Inés Rey, incidía en que un informe encargado á UDC demostra "que a permuta, subasta e poxa da casa a Carmen Polo foi ilegal", o que defendería a titularidade pública da casa.

Comentarios