Podemos e Esquerda Unida ven En Marea só unha marca eleitoral

As diferenzas no seo de En Marea non son de matiz. Atinxen a propia cerna do proxecto. O núcleo dirixente -por volta de Luís Villares- concibe En Marea como un partido nacional galego de afiliación individual. Podemos e Esquerda Unida, os parceiros de Anova con vínculos estatais, vena simplesmente como unha plataforma electoral.

en marea
photo_camera Plenario de En Marea

O último plenario de En Marea, decorrido este sábado en Compostela, caracterizouse por dous trazos. O primeiro, a escasa concorrencia, pouco máis de 250 persoas, a menor convocatoria dos conclaves da confluencia. A segunda, as significativas ausencias. Non só orgánicas -Podemos e Esquerda Unida-, mais tamén persoais, os tres tenores da Coruña, Compostela Ferrol. A incomparecencia de Ferreiro, Noriega e Suárez é especialmente significativa, sendo que o plenario se debruzou fundamentalmente sobre a estratexia a seguir nos concellos con vistas ás decisivas municipais de 2019.

Quen si estivo desta volta con Villares -e non é pouco apoio, dada a súa forza icónica dentro da confluencia- foi Xosé Manuel Beiras, quen non se limitou a estar, senón que lanzou frechas á facción parlamentar de En Marea non adicta á oficialidade. "Calquera que diga que non é de En Marea sendo deputado por En Marea está a estafar os cidadáns que o elixiron”, acotou o veterano político de Brión. E, plenamente consciente do ruído que costuman facer as súas declaracións, aínda engadiu: "Non se pode loitar contra a casta se hai casta dentro”.

Os míseis beiristas ían dirixidos a Podemos e Esquerda Unida, renuentes a recoñecer o liderado de Villares. A situación de Beiras dentro da confluencia, aliás, é dun estraño equilibrio. Non sempre está na mesma posición. De feito, a cúpula do grupo do que continúa sendo o máximo referente, a Anova que agora lidera Antón Sánchez, está na oposición interna. Anova ve con moitas reservas a influencia que Cerna, a corrente dirixida por Mario López Rico e Luís Eyré Palleiro, exerce sobre o portavoz orgánico e parlamentar de En Marea. 

Mais, alén das escaramuzas típicas dunha organización composta por distintos segmentos partidarios, o conflito na Marea remite para un asunto non menor, a súa propia esencia. Hai un posicionamento colectivo -a asemblea constitutiva de xullo de 2016 en Vigo- que definiu a formación como un partido instrumental de afiliación individual. Mais a partir daí a interpretación dese acordo difere sustancialmente entre a oficialidade do sector nucleado arredor de Villares e a oposición interna. Para aquel o partido instrumental é un partido nacional galego e o natural é que as partes -os partidos pre-existentes- fosen camiñando cara á extinción. Para a corrente crítica, o partido instrumental é só unha plataforma eleitoral. Dito en palabras pronuciadas esta segunda feira por Carmen Santos, parlamentar e secretaria xeral na Galiza da formación liderada por Pablo Iglesias: "Podemos é un partido político autónomo como defendimos sempre. Un partido instrumental é un partido instrumental para se apresentar ás eleccións".

Esa mesma consideración de En Marea como simples artefacto eleitoral tena tamén Eva Solla, coordenadora nacional de Esquerda Unida. Solla evitou entrar en discusión con Beiras, mais deixou ben claro que unha cousa è EU e outra En Marea: "Xa dixemos que non faríamos ningunha avaliación nen a esta intervención [por Beiras] nen a un plenario no que non participamos", alegou esta segunda feira nunha conferencia de imprensa.

O equilibrio interno pode rachar en calquera momento. Oficialidade e oposición acumulan forzas. É nesa perspectiva onde cobra pleno sentido a contra-cimeira municipalista que preparan as marés municipalistas lideradas pola Marea Atlántica -claramente críticas coa dirección da confluencia- para o próximo 28 de abril en Mos.

Comentarios