sábado 04/12/21

Podemos aspira a estar en "primeiro plano" na Marea Atlántica

En Vistalegre I Podemos decidiu non concorrer ás municipais de 2015. En Vistalegre II, coa nova marca xa consolidada, o partido morado mudou o criterio. "Podemos vaise apresentar como tal en toda España", resumiu este sábado nunha entrevista en Radio Coruña Pancho Casal, parlamentar de Podemos nas filas de En Marea. As e os inscritos da formación liderada por Pablo Iglesias decidirán esta semana, nunha consulta, a forma de concorrencia nas eleccións locais.

pancho casal
Pancho Casal, con dúas compañeiras de Podemos da Coruña

A consulta vaise desenvolver ao longo de 4 días, desde a cuarta feira 21M a partir das 10 horas até o domingo 25M ás 14 horas. O censo de persoas inscritas deberá responder á seguinte pergunta: "Apoias que Podemos se apresente ás próximas eleccións municipais en coligazón coa forzas políticas e as plataformas municipalistas aliadas do espazo de mudanza e coa palabra Podemos (nos idiomas que corresponda) facendo parte do nome da candidatura, salvo onde existir unha 'marca' consolidada?".

Embora haber certa ambigüídade sobre o que poda significar 'marca' consolidada, en ambientes de Podemos Galiza dáse por feito que a formación morada non porá en discusión a súa integración en plataformas que tiveron éxito eleitoral en 2015, isto é, a Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta na capital galega e Ferrol en Común na cidade departamental.

Formulada a cuestión nos termos en que está -fontes de Podemos admiten que as perguntas que a formación submete á consulta da súa base social adoitan caracterizarse polo seu enrevesamento-, só caberían, pois, dúas opcións. Caso de a resposta ser maioritariamente negativa -o que é moi improbábel- Podemos iría en solitario. Na eventualidade de ser positiva, o partido de Iglesias iría, portanto, en coligazón. Neste último escenario, as hipóteses serían dúas: a) coligazóns con outras forzas -basicamente con Esquerda Unida- coa marca Podemos nas papeletas -sería en definitiva a reedición de Unidos Podemos e b) coligazóns con outras forzas e independentes baixo a forma de "marcas consolidadas". Neste caso a denominación Podemos non aparecería no nome da candidatura.

Este é o caso da Marea Atlántica. Mais aquí hai un pequeno ou grande problema de tipo político. A plataforma liderada por Xulio Ferreiro acaba de aprobar nun proceso interno que concorrerá ás eleccións de 2019 como tal Marea Atlántica, como partido instrumental, e non en coligazón con ningunha outra forza. Nese sentido, e nunha entrevista en Radio Coruña, o parlamentar de Podemos no Pazo do Hórreo Pancho Casal dixo que tomas de posición "unilaterais" -en relación á postura da Marea Atlántica- non adoitan ter "percorrido". Casal móstrase certo de que esta cuestión non será un problema á hora de fraguar a confluencia na Coruña.

En realidade, o que tenciona o grupo dirixente de Podemos na Coruña non é tanto preservar a súa identidade corporativa, senón incrementar o seu peso político nun hipotético novo goberno da Marea Atlántica. "Até agora vimos apoiando totalmente o goberno local, pero quizá desde un segundo plano. Agora imos estar nun primeiro plano", anuncia Casal. "Tivemos [durante todo este mandato] un certo perfil baixo, mais iso vai mudar porque nos imos apresentar ás eleccións", dixo.

Que músculo organizativo ten Podemos na Coruña? Casal cifrou o número de inscritas en 3.200 -persoas con dereito a voto nas consultas-, mais indicou que militantes -figura de nova criación- terían neste momento por volta de 150.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.


 

Podemos aspira a estar en "primeiro plano" na Marea Atlántica
comentarios