Beiras apoia Villares e ataca os parlamentares de En Marea críticos coa dirección

“Non se pode loitar contra a casta se hai casta dentro”. Así de contundente respondeu Xosé Manuel Beiras aos medios en relación aos parlamentares de En Marea que renegan do partido instrumental. O veterano político aproveitou a súa asistencia ao plenario da formación para amosar o seu apoio a Luís Villares.

Beiras En Marea
photo_camera Beiras, nunha imaxe de arquivo

Na súa chegada á Facultade de Económicas, onde está a ter lugar o plenario en que En Marea define o seu papel de cara ás eleccións municipais de 2019, Xosé Manuel Beiras criticou, con dureza, as e os parlamentares que malia se presentaren por esta formación política renegan dela.

En declaracións aos medios e na compaña de Luís Villares, Beiras asegurou que “calquera que diga que non é de En Marea sendo deputado por En Marea está a estafar os cidadáns que o elixiron”. “Non se pode loitar contra a casta se hai casta dentro”, engadiu a respecto de quen marca distancias coa organización.

Beiras, que afirmou que sempre foi contrario a medidas disciplinarias, puxo de manifesto que “haberá que tomar medidas” ante un feito “absolutamente inaceptábel”. O membro de Anova reclamou nestes termos á “representación” de En Marea en Madrid que manteña “unha disciplina de absoluto respecto ao proxecto, porque non tela nestas circunstancias é unha deslealdade cos cidadáns que os elixiron”.

Villares, pola súa parte, quitoulle importancia ás destacadas ausencias no plenario deste sábado en Compostela, a onde non asistiron os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro; de Santiago, Martiño Noriega, nin de Ferrol, Jorge Suárez. O portavoz do partido afirmou que “cadaquén ten as súas prioridades. Todos os votos e todas as voces valen o mesmo para decidir o discurso político”.

O parlamentar sinalou, en alusión aos tres alcaldes, que “os impulsores o que dixeron no seu día era que daban un empurrón ao proxecto e o proxecto voaría. O que está facendo hoxe En Marea é voar”.

Rumo cara a 2019

No plenario que se desenvolve en Compostela, En Marea está a definir o seu papel nas municipais de 2019. Nun comunicado de imprensa, a formación dá conta da aprobación do documento de organización de cara á organización das mareas sectoriais, que serán os órganos de traballo do partido.

Ana Seijas, vicevoceira de Organización, salientou que o plenario transcorreu con normalidade e cun nivel alto de acordo, mentres que Victoria Esteban afirmou que a constitución das mareas sectoriais fará posíbel “coordinar a acción de En Marea en sectores especializados”.

Na xornada da mañá tivo lugar un receso para que as persoas participantes puidesen sumarse á concentración convocada na Praza de Cervantes polo colectivo de pensionistas.

Comentarios