O pleno de Teo apoia o traslado do preso Antom Santos a unha cadea de Galiza

Cos votos a favor d@s edís do BNG e d@s concelleir@s que dan soporte ao goberno municipal, a Cámara municipal instará o Goberno español a achegar o preso independentista a unha cadea da Galiza. PP, PSOE e Independentes por Teo (InTeo) rexeitaron a moción presentada pola organización frontista defendendo que a dispersión penitenciaria procura evitar o re-agrupamento "de organizacións terroristas".

AntomSantos1-624x885
photo_camera Antom Santos [Imaxe: Que Voltem para a casa!]

O pleno municipal decorrido en Teo esta segunda feira incluía na orde do día unha moción presentada polo BNG "para garantir os dereitos fundamentais do preso Antom Santos Peres". A niciativa, promovida pola plataforma social Que voltem para a casa! tiña por obxecto demandar ao Goberno español o achegamento do preso independentista a unha cadea na Galiza poñendo, desta maneira, fin á dispersión penitenciaria. 

Antom Santos atópase detido desde 2011 na prisión de Aranxuez, a 665 quilómetros do seu domicilio familiar, unha distancia que podería reducirse de maneira notábel de cumprir a súa condea no centro penitenciario de Teixeiro, evitando --sinala a moción presentada polo BNG-- desprazamentos que supoñen para a familia e amizades percorreren perto de 60.000 quilómetros ao ano e máis de 200 euros ao mes. 

Embora o portavoz municipal do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz dar leitura íntegra ao texto da moción "para evitar manipulacións como as que levamos escoitando nos últimos días" --sinalou en conversa con Sermos Galiza-- @s nacionalistas foron "acusados de defender o terrorismo" por parte dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e PP. "O PP mesmo volveu sacar o tema da moción de condena a Resistencia Galega presentada hai uns meses" e á que "nós nos opuxemos" por se rexeitar "unha emenda na que demandábamos a condena de todos os tipos de violencia", sinalou Fernández Baz. 

O PSdeG-PSOE defende a "dispersión"

Mais a maior sorpresa foi para @s nacionalistas o posicionamento amosado desde o PSdeG-PSOE que "defenderon a dispersión penitenciaria". Unha medida aprobada polo daquela goberno de Felipe González --na década dos '80-- e que segundo a concelleira do PSdeG-PSOE, Uxía Lemos, ten validez porque "evita o re-agrupamento de organizacións terroristas". 

Desde o BNG lembraron aos demais grupos da corporación municipal que "embora existir unha condena ao preso Antom Santos" --recorrida pola defensa perante o Tribunal Supremo-- na moción defendida no pleno "o que se pedía era o seu achegamento a unha prisión galega" que evite o "dobre castigo que supón" para o propio condenado "a privación de liberdade" e para "a súa familia e amigos" a distancia na que se atopa cumprindo condena. 

O desarraigo social lonxe da contorna cultural e familiar

Así, desde a organización frontista sinalaron que o propio ordenamento xurídico español rexeita este procedemento na Constitución española (artigo 25.2) e na Lei Orgánica xeral penitenciaria (artigo 12) ao orientar as penas privativas de liberdade á "re-educación e re-inserción social", un obxectivo vulnerado se a persoa presa se atopa lonxe da súa contorna social, cultural e, sobre todo, familiar. 

Malia o rexeitamento do PP, PSdeG-PSOE e InTeo, a moción foi finalmente aprobada e agora será remitida ao Goberno español para o instar a dar cumprimento ao acordo alcanzado pola Cámara municipal. Cuestión duramente criticada desde as bancadas socialistas que coidan, a familia "debe acudir a un xuíz" se entenden que os seus dereitos fican vulnerados polo réxime de dispersión en aras, dixo a edil Uxía Lemos, de "non politizar a xustiza". Para o voceiro municipal do Bloque esta aseveración é "escandalosa vindo do PSOE" e, sinalou, "a xustiza fai cumprir as leis" e estas "apróbanas os Parlamentos".

Comentarios