En plena campaña, La Voz di que Galiza “salva a crise”

Superamos a crise. Non o notan nos seu petos? Aquí este espía tampouco, que seica é un bolseiro eterno. Pero iso, que grazas ao PP salvamos da crise, non se decataran?

quiosque
photo_camera quiosque

Superamos a crise. Non o notan nos seu petos? Aquí este espía tampouco, que seica é un bolseiro eterno. Pero iso, que grazas ao PP salvamos da crise, non se decataran?

Conta, en plena campaña -nada é inocente- La Voz de Galicia que “Galicia, única comunidade que salva a crise sen ir ao rescate do Estado”. Por fin unha noticia. Salvad@s. Sen rescate. E, atención, xa lonxe da crise. Porque non lle pedimos ao Estado, que seica é Madrid. Para que pedirlle? Somos ricos. En Sabón.

Trece palabras. E, xa que son tempos de inquéritos, pois unha mentira cada catro verbas. Nese titular. Comeza por dicir “Galicia”, non entra como falsidade, non, pero podía ser Galiza. Non hai problema. Si máis cando din “comunidade”. Como Murcia. Ou como un movemento sostíbel de pelos longos nunha aldea abandonada. Oxalá. Mais non, falan dunha Nación que simplemente somos “comunidade”. Van tres palabras. Promete.

Fóra de perigo

Pero non é tan sinxelo, porque logo é imposíbel cadrar as contas das palabras, porque semellan unha pero son tres, tres en un, como aquilo que facía correr as portas. “Salva a crise”, disque. Salvamos a crise, ben, festa. Menos mal que están os periódicos para contarnos tamaña cousa. “Galicia salva a crise”, aplausos, que o di La Voz. Fóra de perigo estamos.

Razóns? Quedan palabras no titular. “O rescate do Estado”, o que vén sendo como que non somos Estado –nin falta que fai- pero neste caso, a mensaxe é clara: “Os nosos españois son tan eficientes que non é necesario chamar a Papá España”. Porque España seica é un maná, que non vive de impostos como os nosos, para nada, sáenlle de Las Rozas. E se hai crise, serán loucuras de vostedes. Porque non, non houbo que recorrer ao rescate. Todo vai ben. Cóntao La Voz.

Comentarios