As persoas menores de 18 anos seguirán sen poder votar

As mozas e mozos de entre 16 e 18 anos seguirán sen o dereito ao sufraxio. ERC, apoiada por diversas forzas nacionalistas e de esquerdas, defendía no Congreso español que as persoas maiores de 16 anos puidesen votar. Unha iniciativa que non prosperou debido ao rexeitamento dos principais grupos da Cámara.

 

marta_rosique__27
photo_camera A deputada catalá Marta Rosiqe, onte, defendendo a posición de ERC no Congreso español.

A proposta presentada por Esquerra Republicana de Catalunya para o seu debate no Congreso reclamaba a modificación de catro puntos da Lei orgánica do réxime electoral xeral (Lorex) co fin de rebaixar a idade de votación até os 16 anos. Finalmente e de maneira maioritaria, o Congreso rexeitou esta iniciativa, con 218 votos en contra, fronte a 67 a favor e 58 abstencións.

A iniciativa de ERC instaba a recoller ese axuste no censo e a fixar tamén ese mínimo de idade para poder formar parte dunha mesa electoral. Nesa liña, lembraba que a asemblea de parlamentarios do Consello de Europa aprobaba en 2011 unha resolución “sobre o fortalecemento da democracia mediante a redución da idade para votar aos 16 anos", que emprazaba os Estados membros do Consello de Europa a permitir o dereito ao voto a partir desa idade.

A defensora da proposición, a deputada nacionalista Marta Rosique, sinalou que coa “proposta ponse no centro da axenda política a mocidade, que implica que haxa unha preocupación maior polos intereses dos mozos” e lembrou que as persoas de entre 16 e 18 anos "poden acceder legalmente ao mercado laboral, teñen a obriga de pagar impostos e responsabilidade penal e permíteselles facer o testamento mais non poden votar”.

ERC argumentou a súa proposta indicando que conta co apoio das entidades representativas da mocidade. Precisamente, o Consello da Mocidade de España aposta polo recoñecemento do dereito a voto dos maiores de 16 anos para “propiciar un maior equilibrio electoral entre os máis novos e os máis maiores” e por “coherencia entre os dereitos civís e as responsabilidades”.

Postura dos partidos políticos

O grupo parlamentario socialista, que en 2016 apoiou tramitar unha iniciativa semellante, rexeitou a medida afirmando que “non é de recibo elevar esa proposta lexislativa ao pleno cando está en funcionamento un relatorio na Comisión Constitucional do Congreso para a reforma da Lei electoral”. Nesa dirección, animou os republicanos a derivar a proposta a este órgano.

O deputado popular Jose Antonio Bermúdez de Castro opúxose á proposta significando que “non é unha iniciativa nova, de feito xa foi rexeitada hai tres meses nesta Cámara”. Asemade, apuntou que “a idade das persoas ten unha grande importancia porque determina a maioría de idade da que se derivan dereitos e deberes. Os constituíntes primeiro e os lexisladores despois quixeron deixar claros determinados dereitos ligados á maioría de idade, polo tanto un menor non ten liberdade de capacidade para obrar”, expuxo.

O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu apoio a esta iniciativa. Neste sentido, o portavoz da formación no Congreso, Néstor Rego, considerou "maduras" as persoas mozas "para tomaren decisións naquelas cuestións que lles afectan" e afirmou que "transformar a realidade en positivo esixe contar coa mocidade". Rego engadiu que para rematar co desapego da xuventude coa política "é preciso que vexan recoñecidos dereitos e deberes na toma de decisións".

Comentarios