As persoas candidatas á Alcaldía de Compostela debaten sobre o futuro da Casa da Xuventude

A Casa da Xuventude está considerada unha peza chave na conexión urbana do parque de Belvís coa Cidade Vella compostelá.
As persoas candidatas á Alcaldía de Compostela e o moderador do debate, esta quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera As persoas candidatas á Alcaldía de Compostela e o moderador do debate, esta quinta feira. (Foto: Arxina)

O Seminario de Futuros Urbanos do Grupo de investigación ANTE da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizou esta quinta feira un debate público coas persoas candidatas á Alcaldía da capital galega, no que tamén participaron entidades socioculturais e veciñais.

A sesión, de 90 minutos de duración, contou coas intervención de Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), Borja Berea (PP), María Rozas (Compostela Aberta) e Goretti Sanmartín (BNG).  

Pola súa parte, a moderación correu a cargo de Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC. Lois é licenciado en Xeografía e Historia e doutorado en Xeografía pola mesma universidade.

O encontro, centrado no campo do urbanismo, desenvolveuse na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia e tratou sobre os futuros posíbeis do edificio da Casa da Xuventude.

Esta edificación está considerada unha peza chave na conexión urbana do parque de Belvís coa Cidade Vella compostelá a través do vector esencial da Virxe da Cerca, sobre a que existen distintas propostas.

O Seminario de Futuros Urbanos

O Seminario de Futuros Urbanos é un dispositivo para a reflexión urbana colectiva, comprometido coa creación de espazos de encontro e discusión que permitan imaxinar futuros urbanos máis sustentábeis e inclusivos.

Atendendo ao contexto preelectoral que, no mes de maio, decidirá o próximo Goberno municipal de Santiago de Compostela, o Seminario acolleu esta tribuna pública, que estivo aberta a toda a cidadanía.

Comentarios