Opinión

O debate

Nos dias posteriores ao 'debate' no Senado foi inevitábel falar del nas reunións de amigos, amigas, persoas coñecidas, grupos de whatsapp, etc.

Dunhas 13 ou 15 persoas ningunha vira o debate, pero todas tiñan opinión sobre el porque leran recensións ou crónicas nos xornais, viran ou escoitaran resumes ou comentarios de 'tertulianos' e analistas nalgunha canle de televisión, radio, Facebook...

Xa non miramos cos nosos ollos nin escoitamos coas nosas orellas. Todo nos chega cribado pola peneira dos mass media. Así as opinións estaban sacadas dos diferentes medios de comunicación ao que cada quen acudira:

—Foi un debate electoral

—Para o que dixeron non era necesário

—O único que fixeron foi insultarse mutuamente

—O tempo repartiuse de forma pouco equitativa

— Ganou claramente Feijoo

— Sánchez acurralouno

—... ... ... ... ... ...

Eu tamén lin varios xornais, vin algúns programas de televisión e chegaría ás mesmas conclusións se non vise o debate completo, porque os medios de comunicación apenas fixeron referéncia ás intervencións dos senadores territoriais, que en moitos casos foron realmente interesantes.

Unha, porque puxeron en evidéncia o déficit democrático do Estado Español.

Dúas, porque quedou claro que o Estado é absolutamente centralista e non ten ollos mais que para o "centro", salvo algunhas miradas de reollo a Cataluña e Euskadi.

Tres, as illas e a periferia non existen nos proxectos do Presidente nin no do aspirante. Non sei se a mantenta ou porque ignoran a realidade social, económica e o déficit que padecen os distintos países e territorios do Estado Español desde hai séculos.

Os senadores que interviron sí que as coñecen e propuxeron alternativas dignas de que o PSOE as escoite, se quere ganar as próximas eleccións, e o PP faría ben en incluílas nese misterioso documento de oito puntos e 50 e tantos apartados.

Comentarios