Opinión

A favor da palabra

O vinte e cinco de xullo de 1967 Paul Celan foi visitar a Martin Heidegger na Selva Negra. Celan era xudeu, nacido en Chernivtsi, daquela Romanía, hoxe Ucraína, e a súa nai e o seu pai foran asasinados polos nazis en 1942. Heidegger foi membro do Partido Nazi entre 1933 e 1945, apoiándoo intelectualmente. Non sabemos con certeza o que falaron nesa camiñada, que deu orixe ao poema titulado Todtnauberg, lugar onde estaba situada a cabana do filósofo. Especúlase coa idea de que Celan agardaba que Heidegger pedise perdón –"unha esperanza, hoxe / nunha palabra"–, o que non se produciu. Ambos leran e admiraban os textos do outro. 
Interésame ese diálogo entre dúas persoas de ideas opostas, sensibilidades diferentes. Prodúceme un intenso desacougo a tendencia a espallar insultos, a substituír o debate pola inxuria. Nas redes sociais, ás veces baixo o anonimato, mais non só, tamén nos medios, en parlamentos e concellos. Velaquí sete reflexións sobre a violencia verbal:

Un: a linguaxe é a ferramenta máis poderosa, a que fai de nós seres humanos. Ferramenta para comunicarnos, cooperar. Empregar a fala para aldraxar é inhumano.

Dous: no diálogo verdadeiro, di Bakhtín, cada persoa intenta comprender os significados do que di a outra. Dialogamos para entender os argumentos da interlocutora, aínda que non concordemos con ela. Nalgúns casos para mudar as nosas ideas, se eses argumentos nos convencen.

Tres: as etiquetas, sobre todo as insultantes, non son útiles nos debates. Cómpre respectar as persoas –como terraplanistas, anti-vacinas ou creacionistas–, o que non significa respectar as súas ideas.

Catro: especialmente inxurioso é atribuír (malas) intencións ás persoas que manteñen ideas distintas. A vida non é unha novela cunha narradora omnisciente.

Cinco: se o diálogo é a nosa forma social de colaborar, aínda resulta máis importante cando se trata de acadar obxectivos comúns, máis democracia, máis dereitos, máis xustiza.

Seis: O insulto tampouco é acaído para guindalo contra os adversarios, os que queren menos democracia, menos dereitos, inxustizas; porén utilizalo contra persoas que perseguen os mesmos fins –aínda que con distintas estratexias– é inaceptábel.

Sete: Un exemplo do debate sobre a abolición da prostitución: son abolicionista, mais sei que hai feministas que non concordan coa abolición, e non por iso considero que deixan de ser feministas.

En contra dos insultos, a favor da palabra.

Comentarios