A peaxe en autovías non suporá “agravios” entre territorios, segundo o Goberno español

A secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, apelou a unha peaxe en autovías "progresiva" e "equitativa", que non supoña "agravios".

Tramos galegos da autovía A-6 (Foto: European Roads).
photo_camera Tramos galegos da autovía A-6. (Foto: European Roads).

Ante a proposta do Executivo para implementar as portaxes nas vías de alta capacidade da rede de estradas do Estado a partir de 2024, a secretaria de Transportes, Isabel Pardo de Vera, puxo de manifesto que apostarán pola solución “que xere menos impactos”.

Tras apelar a ter un debate “racional e sosegado” indicou que “non nos queda outra que abordar como mantemos as estradas". De feito, a semana pasada, o Goberno estatal admitía que implantar peaxes en autovías é unha das contrapartidas derivadas de recibir axudas económicas da UE.

Ao fío diso, pediu que "non se confunda e contamine" o debate, na rolda de prensa que ofreceu tras asistir a unha reunión decorrida na Delegación do Goberno español na Galiza para analizar o impacto dos orzamentos estatais.

"Non se fará sen debate, sen consenso", insistiu a secretaria de Estado, quen asegurou que o Executivo terá en conta "todos os sectores que se vexan afectados dunha ou outra forma".

Por outra banda, dixo que non se pode permitir "que todo o transporte pesado de Europa entre sen ningunha taxa e logo os nosos transportistas abonen taxas".

Con todo, manifestou que a formulación do Goberno español pasa por ter en conta a cohesión territorial e estudar "todos os elementos que poidan influír nesa distribución equitativa", precisou ao ser preguntada se o Executivo pensa aplicar unha corrección no caso de autonomías agraviadas en infraestruturas, como Galiza.

Neste sentido, a secretaria de Estado de Transportes recalcou que a medida "non pode supor un agravio". "Vivamos onde vivamos", apostilou Pardo de Vera, quen avogou por ter en conta tamén cuestións como o envellecemento ou a mobilidade entre colectivos como a mocidade.

Na Galiza, de se implantaren as portaxes, habería un total de 895 quilómetros de pago.

Comentarios