Paula Fernández compatibilizará escano e Alcaldía: "Será alcaldesa, dos pés á cabeza, tanto en Silleda como en Madrid"

O Partido Socialista informou de que a rexedora formalizou a súa incorporación ao Congreso estatal na tarde desta segunda feira.
Paula Fernández e David Regades (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Fernández e David Regades (Foto: Nós Diario).

A alcaldesa de Silleda (Deza), Paula Fernández Pena, compatibilizará a Alcaldía desta localidade co escano no Congreso español tras a marcha do secretario xeral do PSdeG de Pontevedra, David Regades, que deixou a Cámara baixa para ser nomeado delegado da Zona Franca.

O Partido Socialista informou de que a rexedora formalizou a súa incorporación ao Congreso estatal na tarde desta segunda feira, na que Regades se desprazou a Silleda para acompañar a Paula Fernández e recalcar o total apoio do PSdeG á persoa que, a partir de agora "será alcaldesa, dos pés á cabeza, tanto en Silleda como en Madrid".

Regades recalcou que Paula Fernández ten "toda a confianza do PSdeG porque é unha persoa de máxima valía". "Estou seguro de que vai ser unha deputada excepcional", trasladou Regades, que asegurou que se trata dunha "gran noticia para Silleda", un concello que "dará un paso adiante" no mapa institucional estatal.

Regades mostrouse convencido de que o balance, cando se esgote a lexislatura, será máis que satisfactorio, igual que o foi no seu momento para a cidade da Coruña que Paco Vázquez fose alcalde e deputado. Pola súa parte, a rexedora mostrouse orgullosa e agradecida polo apoio da xente de Silleda, que estes días "non pasou de animala" a dar o paso" e tamén do partido, tanto da agrupación local como da organización en xeral.

"Alcaldesa as 24 horas do día"

"Eu vou seguir sendo alcaldesa de Silleda as 24 horas do día, aínda que teña que estar en Madrid un par de días á semana, porque a miña cabeza está chea de proxectos e ideas que queremos materializar co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños", manifestou.

A rexedora lembrou que a súa inclusión na lista das eleccións xerais foi anterior ao seu acceso á Alcaldía en xaneiro de 2024, cando o que era alcalde, Manuel Cuíña, dimitiu do cargo para concorrer nas listas do PSdeG ao Parlamento da Galiza. Por iso, sostivo que se trata dunha circunstancia imprevista e derivada do retorno de Regades á Zona Franca.

Paula Fernández sostivo que "negarlle a Silleda a oportunidade de ter unha deputada no Congreso e de falar directamente con todos os Ministerios do Goberno de España sería imperdoábel, porque algo así non xorde todos os días". Por último, trasladou que, tras a súa toma de posesión como deputada, renunciará ás retribucións como alcaldesa, aforrando os fondos do seu salario ao Concello.

Comentarios