18-F

Paula Fernández volve á Alcaldía de Silleda tras a renuncia de Cuíña para ir nas listas do PSdeG

A ex alcaldesa volverá ocupar o cargo que deixa Manuel Cuíña, quen irá na lista do PSdeG ás galegas, unha encomenda que é incompatíbel coa Alcaldía.
Paula Fernández Pena. (Foto: Concello de Silleda)
photo_camera Paula Fernández Pena. (Foto: Concello de Silleda)

A concelleira de Urbanismo e ex rexedora Paula Fernández Pena será de novo alcaldesa de Silleda (Deza) tras a renuncia de Manuel Cuíña para ir na candidatura do PSdeG nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro pola circunscrición de Pontevedra. Cuíña ocupará o número seis.

O grupo municipal do PSOE decidiu esta segunda feira que a que xa fora alcaldesa en dous períodos —2007-2009 e 2011-2013— volva coller o bastón de mando no que resta de mandato en lugar da rexedora en funcións, Mónica González, tal e como informaron fontes socialistas citadas pola axencia Europa Press.

Paula Fernández ocupará o cargo que deixa Manuel Cuíña, quen irá na lista do PSdeG ás galegas, unha encomenda que é incompatíbel coa Alcaldía. Por iso, o xa ex rexedor presentou a súa renuncia a pasada semana.

O PSOE goberna en minoría esta localidade, con acordos puntuais co BNG, como o que permitiu aos socialistas facerse co bastón de mando tras as municipais do pasado 28 de maio.

Deste modo, Paula Fernández volverá ser alcaldesa da localidade, un cargo que xa ostentou en dúas ocasións. Para iso, deberá convocarse un pleno extraordinario para o que aínda está pendente de fixar a data e que, previsibelmente, terá lugar a próxima semana.

Comentarios