David Regades e Carmela Silva encabezarán as listas do PSOE na circunscrición de Pontevedra o 23-X

As listas continuarán o seu proceso interno co visto e prace da comisión federal de listas esta sexta feira, previa á ratificación por parte do comité federal o sábado.
Xuntanza do comité do PSOE de Pontevedra (Foto: PSOE de Pontevedra).
photo_camera Xuntanza do comité do PSOE de Pontevedra (Foto: PSOE de Pontevedra).

O comité do PSOE de Pontevedra aprobou esta quinta feira as candidaturas coas que os socialistas concorrerán nesta circunscrición ás eleccións estatais do 23 de xullo e que encabeza o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, para o Congreso, e a presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva, ao Senado.

Ademais de Regades, conforman a candidatura, por esta orde, a ex senadora Margarita Adrio; o ex senador Modesto Pose; a ex alcaldesa de Silleda Paula Fernández; o rexedor da Caniza, Luis Piña; a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez; e o ex rexedor de Cambados, Samuel Lago.

A candidatura ao Senado ten como titulares a presidenta Carmela Silva, o candidato socialista na Estrada, Luis López Bueno, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel.

As listas continuarán o seu proceso interno co visto e prace da comisión federal de listas esta sexta feira, previa á ratificación por parte do comité federal o sábado.

“Candidaturas renovadas”

Na reunión, da que informou o PSOE nun comunciado e na que participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o secretario xeral provincial e número un da proposta de lista ao Congreso, David Regades, destacou que se trata dunhas candidaturas "renovadas, pero marcadas tamén pola experiencia de persoas que xa acreditaron un traballo parlamentario durante esta lexislatura".

Ademais, destacou o "peso político, con mulleres e homes que son referentes institucionais" e puxo en valor que o Partido Socialista sexa o primeiro en designar os seus candidatos a partir das propostas realizadas nos últimos días polas asembleas locais.

Tamén dixo que se trata de listas "igualitarias, concibidas con criterio cremalleira" entre mulleres e homes e, ademais, moi representativas de todo o territorio de Pontevedra.

Comentarios